Galicia e Andalucía alíanse para promocionar a peregrinación por mar coa participación na travesía náutica Xacobea 2022

A inscrición nesta iniciativa, que partirá de Cádiz o 28 deste mes para chegar a Portosín o 13 de xuño, atópase xa aberta na páxina web da Asociación de Náuticos de Galicia, organizadora desta ruta marítima

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a presidenta da Agencia Pública de Puertos de Andalucía, Marifrán Carizo, veñen de asinar un protocolo de colaboración para o impulso da Travesía Náutica Xacobea 2022: a peregrinación a Galicia por mar, que partirá de Barbate (Cádiz) o vindeiro 28 de maio. A expedición chegará a Galicia o 10 de xuño, cando recalará no porto de Baiona, para partir o día 11 cara a Portonovo, con paso por Vigo e Cangas. O día 12 realizará a etapa entre Portonovo e Ribeira –pasando tamén por Cabo de Cruz– e, finalmente, o día 13 acadará a meta por mar en Portosín.

 

A iniciativa, organizada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga), consiste nunha peregrinación a vela en frota rememorando o mito da Traslatio do Apóstolo  Santiago, que culmina co percorrido a pé polo Camiño Portugués nos últimos quilómetros ata Compostela para gañar o Xubileo neste Ano Santo.

 

O obxectivo desta peregrinación é promocionar o sistema portuario galego como porta de entrada de peregrinos a Galicia co gallo do Xacobeo 2021-2022 e consolidar estes tráficos como turistas náuticos nos vindeiros anos. A este respecto, Portos de Galicia distinguiu xa o pasado ano peiraos deportivos da comunidade como portos xacobeos, lembrando que funcionan como enlace entre o litoral galego e os camiños oficiais de peregrinación a Santiago.

 

As presidentas de Portos de Galicia e Puertos de Andalucía animaron a todos os afeccionados á náutica de recreo a participar nesta peregrinación previa inscrición na páxina web de Asnauga. Ademais, lembraron que ambas administracións autonómicas fretarán unha embarcación oficial na que viaxará unha delegación de xornalistas europeos especializados que vivirán a experiencia en primeira persoa para difundir a importancia do Camiño de Santiago por mar e ampliar a súa repercusión internacional.

Imaxes relacionadas