A Xunta destaca que a futura Lei da calidade alimentaria suporá un gran impulso na produción e a comercialización agraria galega

Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria na clausura das xornadas de fertilización, substratos, amorodo e outros froitos vermellos, organizada pola USC e que se desenvolveu na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo

José Luis Cabarcos debullou outras tarefas desenvolvidas por esta axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, e centradas en aspectos como a formación, a investigación ou a promoción da produción agroalimentaria da nosa comunidade
 

Lugo, 20 de maio de 2022.-

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou este mediodía na clausura das xornadas de fertilización, substratos, amorodo e outros froitos vermellos, organizada pola USC e que se desenvolveu dende o pasado mércores no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

 

Cabarcos destacou neste acto que a Xunta traballa na futura Lei da calidade alimentaria, un texto que está previsto aprobar ao longo deste ano e que -sinalou- ten como principal obxectivo conseguir que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. O director salientou que se busca tamén achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

 

Ao tempo, José Luis Cabarcos debullou outras tarefas desenvolvidas pola devandita Axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, e centradas en aspectos como a formación, a investigación ou a promoción da produción agroalimentaria galega. Ademais, fixo especial fincapé na importancia da transferencia ao sector das posibilidades que ofrece a I+D+i, para aplicar esas melloras nos procesos produtivos, así como na súa comercialización.

 

Neste sentido, o director explicou que a Axencia é o instrumento básico de actuación da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Ten tamén como función a de investigar e realizar o desenvolvemento tecnolóxico no sector agroalimentario e de desenvolver as actividades de I+D+I nos sectores agrario, gandeiro e forestal.

Imaxes relacionadas