A Xunta aspira a xestionar preto de 24 millóns de euros en actuacións de cohesión para impulsar a transformación innovadora do turismo en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou as 5 candidaturas galegas do marco do Programa Extraordinario de Plans de sustentabilidade turística en destinos, que engloban 3 actuacións do Plan Territorial de Enogastronomía e 2 do Plan Nacional

Os proxectos territoriais apostan pola mobilidade en vehículos eléctricos entre as rutas do viño de Galicia (5,85 millóns de euros); a adecuación de instalacións e recursos para enriquecer as experiencias enoturistas (6,45 M€) e o Hub Galicia Gastro Experience (3,55 M€)

Para o Plan Nacional proxéctanse cruceiros fluviais enogastronómicos no río Miño (4 M€) e mellorarase a mobilidade sustentable nas DOP e nas IXP (4 M€)

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia, o detalle das cinco Actuacións de Cohesión entre Destinos (ACDs) coas que a Xunta de Galicia aspira a mobilizar e xestionar 23,85 millóns de euros durante o próximo período 2023-2025, co obxectivo principal de fortalecer a transformación innovadora do Turismo en Galicia. No acto estivo acompañada da secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Luisa Boquete, el presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e da directora do CSHG, Marta Fernández.

No marco do Programa Extraordinario de Plans de Sustentabilidade turística en destino, Galicia propón 3 ACDs no Plan Territorial de Enogastronomía, por valor de 15,85 millóns de euros, e 2 máis no Plan Nacional, que suman outros 8 millóns. Con estas actuacións previstas, que completarán a folla de ruta no sector trazada polo Goberno galego para os vindeiros anos, búscase construír o futuro do turismo en Galicia e aproveitar esta oportunidade para resaltar e aumentar o posicionamento autonómico dentro do mercado interno, nacional e internacional.

A primeira das actuacións de cohesión en destino adscrita ao Plan Territorial é o da Mobilidade en vehículos eléctricos entre as rutas do viño de Galicia, cun orzamento solicitado de 5,85 millóns de euros. É un proxecto que ofrece unha experiencia de viaxe sostible entre os viñedos que conforman as cinco rutas do viño de Galicia. Os viaxeiros e viaxeiras poderán empregar vehículos eléctricos para recorrer as distintas localizacións destacadas nunha experiencia respectuosa co medio ambiente e as contornas. Haberá unha rede de estacionamento e recarga para os vehículos eléctricos (electrolineras e fotolineras) en puntos clave para garantir o subministro enerxético aos usuarios.

A adecuación de instalacións e recursos para fomentar e enriquecer as experiencias dos enoturistas en Galicia, a segunda das actuacións solicitadas, está deseñada para adaptar as infraestruturas existentes e ofrecer experiencias inmersivas e adaptadas aos establecementos de produción enogastronómica de Galicia, un produto turístico innovador que vén a reforzar con novos reclamos o abano de atractivos enogastronómicos galegos xa consolidados. Este proxecto está valorado en 6,45 millóns de euros, o maior importe das 5 ACDs presentadas hoxe.

Por último, e tamén dentro do plan territorial, destaca o Hub Galicia Gastro Experience, un centro único que será referencia para a enogastronomía galega. Ideada tamén como experiencia aberta ao público, será un centro de innovación orientada aos profesionais do sector da restauración, onde poderán levar a cabo labores de investigación e de implantación de novas solucións e produtos para incorporar aos seus propios restaurantes. O orzamento para este hub de GastroTech ascende a 3,55 millóns de euros e aspira a ser todo un referente sectorial, promovendo a coidado, a posta en valor e a difusión e o consumo de produtos de proximidade de alta calidade.

Con respecto ao Plan Nacional, o eixo común dos dous proxectos presentados para Galicia, é a mobilidade sustentable. O primeiro deles requirirá de 4 millóns de euros para a implantación dun servizo de cruceiros fluviais de pequeno tamaño, totalmente integrados coa contorna natural do enodestino Miño. E finalmente, outros 4 millóns de investimento previstos para a mobilidade sustentable en Indicacións Xeográficas Protexidas (IXPs) e Denominacións de Orixe (DOPs), un proxecto que fará confluír a experiencia de coñecer e degustar os produtos máis recoñecidos de Galicia a través dunha viaxe sostible. Galicia conta actualmente con 11 produtos gastronómicos recoñecidos co selo de calidade DOP (5 viños, 4 queixos, 1 pemento e 1 mexillón) e 24 produtos de IXP (8 vexetais, 4 carnes, 4 viños, 4 licores, 3 produtos de panadería e repostería e 1 mel).

Con estas 5 actuacións de cohesión entre destinos, Galicia marca a folla de ruta do futuro do turismo e traza o mapa da transformación innovadora impulsando a marca gastronómica galega e apostando, dun xeito aínda máis claro que agora, por un turismo gastronómico sostible, pensado para todos os públicos onde os produtos e as experiencias estean no centro de toda a estratexia.

Imaxes relacionadas