A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Malpica visitaron esta mañá unha actuación ambiental executada no municipio grazas a estes incentivos

A Xunta recibe máis de 300 solicitudes de axudas para proxectos de restauración e mellora en Rede Natura e prevé esgotar os 2,4 M€ do orzamento dispoñible

A convocatoria, dirixida a concellos, titulares de terreos agrícolas e forestais e asociacións ambientais, ten como fin apoiar iniciativas para preservar a biodiversidade e mellorar as paisaxes rurais tradicionais dentro destas zonas

Na véspera do 30 aniversario do Día europeo da Rede Natura 2000, Ángeles Vázquez lembra que o 12 % do territorio galego está amparado por esta figura, polo que subliña a importancia dos 3,8 M€ investidos desde 2018 en coidalo e poñelo en valor

O Concello de Malpica recibiu unha achega da Xunta de 20.000 € para levar a cabo a recuperación da contorna natural do río Vaa, con eliminación de especies invasoras, plantación de árbores autóctonas, labores de limpeza e restauración de mobiliario
 

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 20 de maio de 2022

A Xunta recibiu máis de 300 solicitudes por parte de concellos, titulares de terreos agrícolas e forestais e asociacións ambientais e entidades de custodia do territorio de toda Galicia para acollerse á orde de axudas convocada este ano para apoiar proxectos dirixidos á posta en valor dos espazos Rede Natura. A poucas semanas de que se resolva a convocatoria, a previsión do Goberno galego é esgotar os 2,4 millóns de euros do crédito reservado a este programa para as anualidades de 2022 e 2023.

Durante un acto en Malpica organizado na véspera do Día europeo da Rede Natura 2000, que este ano celebra o seu 30 aniversario, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que estes incentivos teñen como fin apoiar diferentes tipos de iniciativas e actuacións co obxectivo común de avanzar na preservación ou na restauración da biodiversidade destes espazos naturais ou mellorar o estado das paisaxes rurais tradicionais que se localizan nos mesmos.

Entre as actuacións subvencionables cómpre subliñar a rehabilitación de elementos históricos, culturais ou etnográficos, obras dirixidas a preservar ecosistemas naturais como cercados, eliminación de especies invasoras ou restauración de puntos de auga e zonas húmidas; e actuacións que repercutan positivamente sobre a paisaxe agraria, por exemplo, restauración de cercas e muros de cachotería, adecuación de carreiros rurais, creación de rutas e áreas de recreo ou sinalización de camiños e sendas.

Tras lembrar que o 12 % do territorio galego está amparado baixo esta figura —unha rede ecolóxica europea creada para avanzar nas políticas de conservación da biodiversidade comunitarias e que abrangue máis de 355.000 hectáreas—, a conselleira explicou que con esta orde de axudas a Xunta busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan os espazos Rede Natura, auténticos “santuarios da natureza” nos que tamén se integra a actividade humana.

Así, lembrou que só ao abeiro das dúas convocatorias anteriores —correspondentes aos períodos 2018-2019 e 2020-2021—, concedéronse un total de 275 subvencións para executar outros tantos proxectos cunha achega total por parte da Consellería de 3,8 millóns de euros.

A esta contía haberá que sumar os 2,4 millóns reservados para a orde 2022-2023, xa que tendo en conta as máis de 300 solicitudes recibidas —algo máis de medio cento delas da provincia da Coruña— e que actualmente se están a analizar, a conselleira avanzou que se esgotará todo o orzamento dispoñible.

O importe máximo das axudas no caso de que o promotor da iniciativa sexa un concello en Rede Natura 2000 é de 20.000 euros e para particulares e asociacións ambientais e entidades de custodia do territorio, de ata 12.000 euros.

Traballos nun espazo ao carón do río Vaa

Acompañada polo alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, a conselleira achegouse ata a parroquia de Vilanova de Santiso para coñecer, precisamente, unha das actuacións que se financiaron no municipio con cargo á orde de axudas 2020-2021.

En concreto, a intervención municipal centrouse na contorna do río Vaa, nunha zona de máis de 6.000 metros cadrados na que se executaron traballos de limpeza de maleza e das rochas, eliminación de especies exóticas invasoras e plantación de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e bidueiros, e restauración de mobiliario, coa recuperación dos bancos existentes e a colocación de papeleiras.

Ángeles Vázquez explicou que a achega da Xunta para levar a cabo esta actuación foi de case 20.000 euros e en vista dos bos resultados acadados, animou ao Concello a presentar un proxecto integral co que poder completar a posta en valor desta zona emblemática de Malpica.

Imaxes relacionadas