A Xunta activa axudas por 265.000 euros para impulsar a comercialización nacional e internacional do produto artesán galego

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentaron esta mañá en Santiago os apoios para a organización e a participación en feiras

A convocatoria está aberta ata o 13 de xuño e dirixida a titulares de obradoiros artesanais, concellos e asociacións de artesáns

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Industria e Innovación acaba de convocar unha nova orde de axudas para impulsar a comercialización nacional e internacional dos produtos da marca Artesanía de Galicia. O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentaron hoxe en Santiago de Compostela esta iniciativa, que conta cun orzamento de 256.000 euros.

 

Na convocatoria contémplanse apoios de ata 8.000 euros para os titulares de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Galicia –ou que se atopen en trámite no momento da solicitude– que participen como expositores en feiras tanto profesionais como de venda directa, nacionais e internacionais, incluídas as do período de Nadal 2020-21.

 

No caso dos concellos, poderán solicitar axudas para a organización de feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e a posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional, para o que terán un apoio máximo de 15.000 euros, así como para a organización de feiras non monográficas de diferentes oficios con apoios de entre 1.500 e 3.000 euros, en función do número de obradoiros participantes da marca Artesanía de Galicia. As axudas serán do 80% do investimento subvencionable.

 

Os apoios para a organización de feiras de artesanía en Galicia impulsadas por asociacións profesionais e empresariais de artesáns varían entre os 10.000, os 12.000 e os 18.000 euros en función do número de obradoiros artesáns participantes e sempre e cando conten cun 80% de participantes inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

 

O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas, que se concederán en concorrencia competitiva e que poderán chegar ata o 80% do investimento, remata o 13 de xuño de 2022. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe da axuda concedida.

 

Mercado Galego da Creatividade

A presentación desta nova orde de axudas para o sector artesanal tivo lugar esta mañá no Mercado Galego da Creatividade (Caldeirería, 36), unha das tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia e o punto de venda da cooperativa Creativas Galegas, conformada en boa medida por obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía.

 

O Mercado Galego da Creatividade abre no Nadal de 2020 como punto de venda efémero e tras o éxito obtido acabou por se converter nun establecemento comercial permanente dos profesionais que conforman a cooperativa e que funciona tamén como espazo de promoción e de divulgación dos oficios artesanais a través de demostracións en vivo, exposicións ou charlas. O Mercado Galego da Creatividade é un exemplo de adaptación do sector artesán galego a novos patróns de consumo e unha aposta pola unión de pequenas marcas con diferentes perfís para buscar unha mellora na xestión e unha maior proxección comercial.

Imaxes relacionadas