O presidente da Xunta asistiu este mediodía á entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca

Rueda salienta os avances no deseño do novo Plan da industria conserveira de produtos do mar para reforzar a súa competitividade cara ao 2030

Resalta o apoio da Xunta para afondar nunha axeitada venda dos produtos e que en 2022 se recibiron 85 solicitudes para as axudas de mellora das instalacións en pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar

Destaca a fortaleza do sector malia a pandemia, a crise loxística e o temporal económico e recorda que a conserva abrangue o 45% do tecido empresarial e o 61% do valor económico global sobre a produción nacional, xerando 13.200 empregos

Traslada os parabéns aos premiados e agradece o galardón ao Xacobeo 21-22, “un proxecto de toda Galicia, marca de país”, cuxo recoñecemento subliña a capacidade para promocionar as conservas galegas por España e Europa

Asevera que a evolución desta industria estratéxica para Galicia, non se pode entender sen os 40 anos de dedicación e traballo de Juan Vieites

Vigo, 20 de maio de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os avances no deseño do novo Plan da industria conserveira de produtos do mar para reforzar a súa competitividade cara ao 2030, impulsando eidos como a produción, a comercialización, a innovación, o emprego, o medio ambiente e o plano normativo.

 

“Estamos a falar dun plan aberto ao sector e realizado en colaboración con Anfaco-Cecopesca”, precisou, durante o acto de entrega das medallas da asociación, onde fixo fincapé no compromiso do Goberno galego co sector, cunha aposta económica para afondar nunha axeitada venda dos produtos. Só en 2022 recibíronse 85 solicitudes para as axudas de mellora das instalacións en pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar.

 

Así mesmo, fixo fincapé na aposta pola internacionalización para que os produtos do mar sigan levando a marca de Galicia polo mundo e superar barreiras como a dos 2.400 millóns de euros en exportacións

 

Ao longo da súa intervención, Rueda resaltou a fortaleza do sector malia a pandemia, a crise loxística e o temporal económico e recordou que a conserva abrangue o 45% do tecido empresarial e o 61% do valor económico global sobre a produción nacional, xerando 13.200 empregos.

 

Nesta mesma liña, salientou o traballo desenvolvido por Anfaco-Cecopesca que agrupa a 250 empresas e 10.200 millóns de facturación, ademais de exportar a 120 países.

 

O presidente do Executivo galego concluíu trasladando os parabéns aos premiados. Así, aseverou que a evolución desta industria estratéxica para Galicia, non se pode entender sen os 40 anos de dedicación e traballo de Juan Vieites. “E parabéns tamén a Irene, María Eugenia e Digna, pola vosa constancia e o voso esforzo; e a Mercedes Rodríguez Moreda, directora xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, por portar a voz do sector onde sexa preciso”, engadiu.

 

Nesta mesma liña, agradeceu o galardón ao Xacobeo 21-22, “un proxecto de toda Galicia, marca de país”, cuxo recoñecemento subliña a capacidade para promocionar as conservas galegas por España e Europa.

Imaxes relacionadas