O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que estende a presentación da xustificación ata o 31 de decembro de 2022 aos beneficiarios dos incentivos concedidos na convocatoria do 2021

A Xunta amplía o prazo de adscrición dos vehículos adquiridos ao abeiro das axudas para a compra de taxis adaptados, de baixas emisións ou eléctricos

Esta iniciativa responde á situación extraordinaria actual ocasionada pola crise dos microchips, que ralentiza o ritmo de fabricación e a entrega dos vehículos

Trátase de dar solución aos beneficiarios destes incentivos dirixidos ao sector do taxi, polos que a Xunta outorgou 177 axudas cun investimento de máis de 906.000 €

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022.- A Xunta ampliou o prazo de adscrición dos vehículos adquiridos baixo as axudas para a compra de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos, concedidas no marco da convocatoria do ano 2021.

 

Trátase de dar solución aos importantes retrasos que se están a producir na entrega dos vehículos aos beneficiarios destes incentivos dirixidos ao sector do taxi, mediante os que a Xunta outorgou un total de 177 axudas ás que destinou un investimento de máis de 906.000 euros

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución que estende a presentación da xustificación aos beneficiarios destas axudas para adquisición destes vehículos ata o 31 de decembro deste ano.

 

Deste xeito, a iniciativa do departamento que dirixe Ethel Vázquez, dá resposta a situación extraordinaria actual ocasionada pola crise dos microchips e que está a provocar retrasos xeneralizados no subministro de materias primas e semicondutores ou microchips.

 

Esta crise global de compoñentes está lastrando o ritmo de fabricación dos vehículos, o que está ralentizando tamén a súa entrega aos beneficiarios das axudas, polo que se considera preciso ampliar o prazo inicialmente establecido na Orde para a adscrición do vehículo á autorización de transporte de taxi, cuxo prazo remataba o 1 de xullo de 2022.

 

Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: https://bit.ly/3lqRKsS .

 

Estas subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

 

O obxectivo destes incentivos da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes e máis respectuosos co medio.

 

Con estas axudas, a Xunta tamén aposta por apoiar aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, fai un esforzo de adaptación continuo.

 

O Executivo autonómico, desde 2016, leva concedidos incentivos a este colectivo por 3,6 millóns de euros que facilitaron a compra de preto de 230 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero.

Imaxes relacionadas