A sinalización do Camiño Portugués suma xa preto de 300 establecementos ao seu paso pola cidade de Vigo

Marta Fernández-Tapias participou este venres na instalación da sinalética oficial en comercios tras recibir 107 novas peticións para participar na iniciativa

O éxito da ruta que pasa polo casco urbano consolídase ao superar 3.750 peregrinos no que vai de ano 2022, dos que case un terzo recibiron aloxamento no Albergue Juan Manuel López Chaves de O Berbés

Vigo, 20 de maio de 2022

Os datos dos primeiros meses de 2022 confirman de novo o éxito do Xacobeo 21-22 na cidade de Vigo. No que vai de ano, e ata este 19 de maio, o Camiño Portugués da Costa rexistrou un total de 3.863 peregrinos, dos que case un terzo, máis de 1.200, aloxáronse no Albergue Juan Manuel López Chaves. A todo isto, hai que sumar o aluvión de peticións de establecementos para instalar a sinalización da ruta xacobea e facilitar así o percorrido dos camiñantes ao seu paso polo casco urbano de Vigo.

Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, participou precisamente este venres na colocación da sinalética oficial nun local situado ao carón do Camiño. A representante autonómica visitou aos responsables da Panadería Altairán, na Avenida de Castrelos, onde xa loce o distintivo xacobeo que permite aos peregrinos non perderse polas rúas da cidade.

“O Camiño supón unha importante fonte de ingresos para sectores como a hostalería e o comercio, polo que hai que aproveitar a oportunidade que nos brinda o Xacobeo 21-22”, sinalou Fernández-Tapias. Desde que a Xunta puxo en marcha a iniciativa xa son preto de 300 os locais que se sumaron e, tras unha primeira fase en 2021 cunha excelente acollida, neste 2022 a Administración autonómica recibiu outras 107 peticións por parte de propietarios de establecementos. 

Única cidade de Europa sen sinalizar

A delegada fixo referencia ao feito de que Vigo sexa a única cidade de Europa que non ten instalada as sinais oficiais e a que o Camiño e o Xacobeo sexan outro motivo de confrontación para o alcalde. “Non é lóxico que Caballero prive aos peregrinos de contar coa información que precisan e a nosa veciñanza e negocios de sectores como a hostalería ou o comercio dos incentivos económicos que supón para a cidade contar cun tramo dunha ruta xacobea oficial”, indicou.

Así, tamén fixo referencia aos “excelentes datos” que acadou o Camiño Portugés da Costa durante os últimos meses. Segundo os datos rexistrados ata o 19 de maio, un total de 3.863 peregrinos realizaron a ruta que pasa por Vigo, consolidándose como o terceiro percorrido cunha maior afluencia, tan só por detrás do Camiño Francés e o Camiño Portugués.

Albergue de peregrinos

Esta grande afluencia tamén se deixa notar no novo albergue de peregrinos de O Berbés. Ata este xoves e desde o pasado mes de xaneiro foron 1.232 persoas as que recibiron aloxamento nas modernas instalacións viguesas. Precisamente o dato de afluencia de este 19 de maio, con case medio centenar de persoas, supón o récord de ocupación do ano 2022. 

Desde a súa apertura, o pasado 1 de xullo de 2021, o albergue recibiu a máis de 3.000 peregrinos. O edificio conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura conta con capacidade para 93 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos. 

Imaxes relacionadas