A conselleira do Mar inaugurou as XXIX Xornadas técnicas de Expomar que terán lugar hoxe e mañá en Burela

A Xunta insiste na necesidade de reducir o IVE aos produtos pesqueiros para fomentar o consumo de peixes e mariscos entre os máis novos

A conselleira do Mar inaugurou as XXIX Xornadas técnicas de Expomar que terán lugar hoxe e mañá en Burela

Burela (Lugo), 19 de maio de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de manifesto hoxe a necesidade de aplicar unha redución do IVE aos produtos pesqueiros do 10 ao 4% para equiparalos a outros produtos de primeira necesidade como o pan, a leite ou a froita e axudar así ao fomento de consumo de peixes e mariscos, especialmente entre os sectores máis novos da poboación. Así o expuxo durante a inauguración das XXIX Xornadas técnicas de Expomar onde defendeu este tipo de medidas económicas para minorar o gasto das familias e reverter a pirámide de consumo de maneira que sexa a xuventude quen asuma a cúspide.

A responsable autonómica fixo referencia ao traballo da Xunta de Galicia para facilitar o coñecemento necesario e fomentar os beneficios de consumir produtos do mar a través de programas educativos, divulgativos e promocionais dirixidos tanto aos máis novos como aos adultos.

Ademais, Rosa Quintana asegurou que comer produtos procedentes do mar é un dos mellores investimentos na saúde e contribúe ao aforro do gasto sanitario, polo que reivindicou a importancia da dieta atlántica para apoiar tamén ao sector marítimo-pesqueiro, declarado esencial desde o inicio da pandemia a pesar dos riscos e as perdas.

As xornadas técnicas celebrábanse tradicionalmente de xeito paralelo á Feira Expomar, pero co tempo adquiriron personalidade propia e diferenciada, polo que pasaron de celebrarse cada dous anos, canda a feira, a facerse anualmente. Este encontro aborda todas as edicións os temas de maior actualidade e controversia do sector co obxectivo de atopar solucións e afrontar os retos de futuro.

Na edición deste ano os diferentes participantes analizaron, desde diversos puntos de vista das administracións central, europea e empresarial, a situación pesqueira actual nun escenario marcado polas dificultades e desafíos aos que ten que facer fronte o sector nunha época de diferentes crises que lle afectan directamente.

XXIII Encontro Empresarial

A conselleira do Mar tamén participou no XXIII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras que abriu este xoves o programa de actividades de Expomar 2022, unha xornada na que se deron cita 18 organizacións pesqueiras de ámbito galego, nacional e europeo para debater sobre os principais desafíos que afronta o sector.

Así, tal e como apuntou Rosa Quintana, este foro constitúe un escenario axeitado para intercambiar ideas sobre como aproveitar mellor os fondos para o sector, como desenvolver infraestruturas e servizos máis eficientes ou como conseguir mellores prezos de primeira venda.

Imaxes relacionadas