Os barcos históricos do 'Exploraterra' atracan na Coruña da man da Xunta e da Fundación Nao Victoria

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o Galeón Andalucía e a Nao Victoria, que poderán visitarse de balde no porto ata o 22 de maio

Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural cunha achega de preto de 300.000 euros, que inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital na Casa da Navegación de Baiona e unha exposición e un documental baseado na temática do proxecto

A Coruña, 19 de maio de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse hoxe ao peirao de Trasatlánticos con motivo da chegada da xira de barcos históricos do proxecto europeo Exploraterra, que permanecerán na cidade ata o vindeiro 22 de maio. Trátase dunha iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, que conta coa participación da Xunta de Galicia entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.

Neste sentido, Trenor destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico”. E neste contexto, avogou por impulsar a súa divulgación como atractivo cultural e turístico. Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural cunha achega de preto de 300.000 euros destinada a promover diferentes accións entre as que se inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital con ferramentas TIC na Casa da Navegación e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.

Visitas de balde

A xira Exploraterra 2022 estará na Coruña por segunda vez representada, nesta ocasión, polas réplicas do Galeón Andalucía e da Nao Victoria que permanecerán atracadas no porto ata o 22 de maio. O público terá así a oportunidade de visitar de balde ambos os dous navíos. O horario de apertura ao público é de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

“Exploraterra inclúe un ambicioso programa cultural” que, dixo o delegado da Xunta, “permítenos afondar nas grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia, e compartir unha herdanza común con algunhas das nosas rexións irmáns”. Fixo así un chamamento a aproveitar esta identidade conxunta desde o punto de vista histórico, cultural, xeográfico e etnográfico que hoxe representa este proxecto Exploraterra, convertido nun” atractivo excepcional polo seu gran potencial de aproveitamento cultural e turístico”, concluíu. 

Imaxes relacionadas