O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou a sede da empresa Ecocelta, promotora deste proxecto que foi subvencionado pola Xunta

A Xunta apoia con máis de 121.000 euros unha planta piloto en Ponteareas que persegue atoparlle unha solución integral ás dexeccións gandeiras das explotacións galegas

A iniciativa -na que colabora o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo- combina diferentes etapas de depuración e vai acompañada de ensaios de campo para avaliar o potencial fertilizante dos diferentes subprodutos obtidos na planta piloto

En concreto, búscase valorizar os residuos das explotacións de xeito sinxelo, estable e economicamente viable, converténdoos en vermicompost sólido, fertilizante líquido e augas aplicables en irrigación e/ou aptas para o vertido ao dominio público hidráulico

Ponteareas (Pontevedra), 19 de maio de 2022.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou esta tarde a sede de Ecocelta, empresa beneficiaria dunha axuda da Xunta de máis de 121.000 euros no marco da convocatoria de 2021 para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Grazas á achega concedida, e en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e coa empresa Nutrimentos Deza SA, Ecocelta puido poñer en marcha unha planta piloto para a valorización das dexeccións gandeiras como fertilizante, na busca dun sector agrogandeiro máis sustentable e eficiente e con vistas a aplicar o aprendido en futuras plantas comerciais.

 

En concreto, a planta piloto céntrase na depuración de residuos derivados do sector porcino realizando unha separación da fracción sólida e tratando a fracción líquida mediante un sistema de depuración modular novidoso, baseado en procesos de vermifiltración e posterior tratamento de fitodepuración con plantas macrófitas. Así, a tecnoloxía consiste nun sistema natural semiextensivo para o tratamento de dexeccións gandeiras que combina secuencialmente diferentes etapas de depuración.

 

A experiencia vai acompañada de ensaios de campo para avaliar o potencial fertilizante dos diferentes subprodutos obtidos na planta piloto, co fin de conseguir un aproveitamento integral dos residuos dunha explotación de xeito sinxelo, estable e economicamente viable. Deste xeito, a planta contribúe á xeración de vermicompost sólido, fertilizante líquido e augas aplicables en irrigación e/ou aptas para o vertido directo ou indirecto ao dominio público hidráulico.

Con este proxecto, búscase avanzar nun sector agrogandeiro máis sustentable e eficiente, mediante a aplicación de técnicas innovadoras na xestión de residuos gandeiros. Nesa liña, optimízase o reciclado e a utilización dos produtos xerados como fertilizantes en cultivos forraxeiros, reducindo así outros aportes de fertilizantes minerais. En consecuencia, axudarase a mitigar emisións de gases e a reducir a pegada de carbono, ao tempo que diminúe a acumulación doutros nutrientes como nitratos e fósforo.  

 
Coa colaboración da Xunta

Máis aló da presente colaboración, cabe destacar que o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten unha ampla experiencia no reciclado dos fertilizantes orgánicos e na súa valorización, a través do seu grupo especialista de fertilización e medio ambiente.

 

Así, estes profesionais veñen desenvolvendo actividades de I+D+i especialmente orientadas á avaliación de doses, tipos, momentos e técnicas de aplicación de fertilizantes orgánicos que manteñan ou incrementen as producións e a súa calidade e que melloren a fertilidade do solo reducindo o impacto medioambiental, con participacións salientables en proxectos de investigación rexionais, nacionais e internacionais.

Imaxes relacionadas