A Xunta explica a medio cento de gandeiros os avances acadados polo seu centro de investigacións agrarias de Mabegondo en relación co sector leiteiro

O evento foi inaugurado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, abriu esta mañá a xornada de divulgación dos avances acadados nos últimos anos en relación co sector leiteiro polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Xunta.

 

A esta iniciativa, organizada pola Consellería do Medio Rural, asisten arredor de medio cento de gandeiros, cun programa de actos que se prolongará ata esta tarde e que se completará cunha visita guiada ás instalacións do propio centro, que lles permitirá aos participantes coñecer in situ os ensaios que se desenvolven actualmente neste centro.

 

Nesta acción divulgativa abórdanse diferentes melloras propiciadas polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo para impulsar a sustentabilidade e a rendibilidade deste sector estratéxico do agro galego. Así, afóndase en aspectos como o sistema crédito carbono en leite ou nos traballos para acadar unha nova tecnoloxía para a rastrexabilidade de leite de vaca en Galicia. En relación co primeiro tema, o doutor investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo César Resch foi o encargado de expoñer os resultados do proxecto europeo Dairy For Future. Sobre a rastrexabilidade interveu o doutor Gonzalo Flores.

 

Tamén se impartirá, por parte de Marcos Veiga -quen fixo a súa tese doutoral no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e que segue a colaborar co centro-, unha charla centrada na caracterización do leite de pastoreo. A xornada de mañá, previa ao percorrido polas instalacións, complétase cun relatorio sobre a sustentabilidade dos diferentes sistemas de produción de leite na nosa comunidade.

Imaxes relacionadas