Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León piden á Unión Europea que escoite a súa postura sobre o lobo
O conselleiro cántabro do ramo, en representación das catro comunidades lobeiras, trasladou esta semana o problema aos comisarios europeos de Medio Ambiente e de Agricultura, propoñendo unha reunión urxente e presencial cos catro territorios
Durante o encontro, entregoulles aos responsables comunitarios unha carta conxunta na que solicitan á Comisión Europea criterios homoxéneos a nivel supranacional para equilibrar a conservación desta especie coa conservación do rural
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, as catro comunidades que albergan a maior parte da poboación de lobos de toda España, trasladáronlle ás autoridades europeas a necesidade urxente de manter un encontro presencial e conxunto, nalgunha das catro autonomías ou na sede da Comisión Europea en Bruxelas, para abordar o problema do lobo xerado pola súa recente inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).
En representación dos catro gobernos autonómicos, o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Guillermo Blanco, viaxou este xoves a Bruxelas para entregarlle aos comisarios de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginjus Sinkevicius, e de Agricultura, Janusz Wojciechowski, unha carta elaborada conxuntamente cos seus homólogos de Galicia, Asturias e Castela e León para solicitar á Unión Europea que estableza criterios homoxéneos a nivel supranacional para modular de maneira adecuada a conservación do lobo coa loita contra o despoboamento, a conservación da biodiversidade e a produción de alimentos de calidade no medio rural.
“Non imos darnos por rendidos con este problema”, subliñou Blanco, quen lembrou que os danos dos lobos sobre o ganado extensivo “empezan a ser insoportables xa nalgunhas zonas ao norte do río Douro”.
Neste sentido, presaxiou que “as mortes irán a máis, desgraciadamente”, dado o grave perigo que corren os animais de bovino, equino, ovino e caprino que iniciaron nesta época do ano a subida a pastos sen ningún tipo de protección ante as ameazas da crecente poboación de lobos e a imposibilidade de realizar os controis poboacionais desde que esta especie foi incluída o ano pasado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) na Lesrpe.
“Non queremos acabar cos lobos, pero necesitamos controlar a especie para que os nosos gandeiros poidan seguir vivindo e os seus animais deixen de morrer todos os días”, indicou Blanco.
Por todo o exposto, o responsable cántabro considerou necesaria, en nome dos catro territorios que concentran o 95% dos exemplares desta especie de todo o país, a intermediación urxente da Unión Europea para recuperar o consenso e o diálogo que sempre caracterizaron as relacións entre as comunidades autónomas, como responsables da conservación e xestión directa da especie do lobo ibérico, e o Estado, con competencias en materia medioambiental.
Así mesmo, reclamou que se salvagarde o espírito de colaboración institucional na cogobernanza a todos os niveis administrativos, “buscando acordos coas entidades locais e os sectores afectados polas decisións que se tomen e que deben estar sempre baseadas nos mellores datos dispoñibles”.
De igual xeito, destacou a necesidade de buscar consenso e participación na toma de decisións, algo que, na súa opinión, “forma parte do núcleo da xestión eficiente dos territorios e dos valores naturais e culturais que atesoura”.
Neste sentido, Blanco trasladou a Sinkevicius e a Wojciechowski a preocupación dos sectores gandeiros de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León ante “a situación de absoluta inseguridade xurídica que fai que os profesionais estean criando gando para que sexa alimento para outras especies”.
Ademais, aproveitou a ocasión para volver a reclamar ao Goberno de España que “deixe de avasalar” ao sector gandeiro con medidas como a de sobreprotexer unha especie, o lobo, que xa contaba con protección, tanto nestas catro comunidades como en España.
Neste sentido, lembrou os exhaustivos informes científico-técnicos elaborados polas catro comunidades autónomas demostran que “o lobo ao norte do Douro goza dun estado de conservación favorable”, xa que tanto a avaliación da dinámica das poboacións como a área de distribución e calidade do hábitat para a especie “resulta a todas luces favorables”, o que, en opinión de Blanco, “fai incomprensible a decisión do Ministerio de incluír o lobo na Lesrpe”.