O conselleiro do Medio Rural, acompañado dos directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de Defensa do Monte, mantivo un encontro co alcalde

A Xunta e o concello de San Cibrao das Viñas avaliarán a implementación dun polígrono agroforestal ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria

Segundo a solicitude do Concello, esta figura é idónea para a zona de reestruturación parcelaria de Soutopenedo, que se atopa en estado de abandono

Trátase dun dos instrumentos claves recollidos na Lei de recuperación para a posta en valor de terras abandonadas ou infrautilizadas, xunto coas aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- A Xunta e o Concello de San Cibrao das Viñas avaliarán a implementación dun polígono agroforestal ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia nesta localidade ourensá. Así se acordou no encontro que mantiveron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde do municipio, Pedro Fernández, que veu acompañado da tenente de alcalde, Marta Nóvoa. Por parte da Consellería, tamén acudiron á reunión a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Defensa do Monte.  

Segundo a solicitude do Concello, o polígono agroforestal é a figura idónea para poñer en valor unha área da zona de reestruturación parcelaria de Soutopenedo, que se atopa en estado de abandono. Nesa liña, cabe recordar que as concentracións parcelarias abandonadas establécense na Lei de recuperación como zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Cómpre engadir que os polígonos son un dos instrumentos principais contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, grandes superficies de terreo. Así, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes.

Así, para avaliar a idoneidade da implantación deste polígono agroforestal en Soutopenedo, en San Cibrao das Viñas, prevese que nas próximas semanas técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural se despracen á zona, para realizar medicións e outras análises de cara á eventual posta en marcha desta figura.

Imaxes relacionadas