A Xunta destaca o posicionamento de liderado e a imaxe de calidade turística acadada por Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, abordou hoxe no Parlamento de Galicia o impacto da implantación da metodoloxía SICTED nos destinos turísticos galegos

Galicia conta con case un milleiro de entidades adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e 11 destinos certificados, ademais de ter dous máis pendentes de aprobación por parte do Estado

A comunidade galega ocupa o segundo lugar no ránking nacional de territorios con maior número de entidades con Q de Calidade e o terceiro en número de destinos SICTED certificados

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, deu conta hoxe no Parlamento de Galicia da implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidad Turística en Destino (SICTED) en Galicia e do seu impacto no tecido turístico galego.  

Nava Castro destacou que a calidade é un elemento transversal no modelo turístico galego no que o Goberno galego leva traballando desde hai anos, o que permitiu que Galicia estea nos primeiros postos da excelencia turística a nivel nacional. Así, a comunidade galega ocupa o segundo posto en número de Q de Calidade, só por detrás de Andalucía, e o terceiro respecto do número de destinos SICTED, por detrás de Andalucía e Valencia.

“O traballo feito ao longo destes anos na mellora da calidade na oferta turística de Galicia, nas infraestruturas e establecementos turísticos e na conservación do patrimonio e do Camiño de Santiago”, explicou a responsable de Turismo de Galicia, que engadiu “a aposta decidida pola figura dos xeodestinos permitiu tamén fixar a imaxe de calidade do territorio e continuar sumando destinos SICTED galegos”.

Este traballo traduciuse nun  total de 998 entidades e 11 destinos SICTED certificados en Galicia, unha cifra que medra cada ano. De feito, actualmente a comunidade galega está pendente da aprobación por parte da Secretaría de Estado de Turismo de dous novos destinos SICTED, un en Barbanza-Arousa e outro na Coruña, que se sumarían aos xa existentes.

Nava Castro aproveitou a súa intervención para lembrar tamén que Galicia conta cun total de 325 Q de Calidade turística, e lidera en tres tipoloxías de nova creación: aloxamentos sostibles, albergues turísticos e espazos públicos senlleiros, o que sitúan á comunidade na vangarda da aposta pola calidade e a sustentabilidade turística.

“Galicia foi pioneira na idea de que a calidade era un valor engadido á hora de diferenciar a nosa oferta turística, apostando por un destino turístico de excelencia que agora nos sitúa en mellores condicións para afrontar a recuperación do sector”, explicou Nava Castro, quen lembrou tamén que a Xunta vén de asinar un novo convenio co sector turístico por importe de 630.000 euros para implantar, difundir e promover esta certificación de calidade da man do Clúster Turismo de Galicia.