A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, supervisou o resultado da 2ª fase das obras, cun orzamento de 975.000 €, que completan a reforma viaria de Seixalbo

Ethel Vázquez destaca a mellora da seguridade viaria acadada grazas ao investimento de 1,8 M€ na OU-105 en Seixalbo, punto de partida da grande aposta da Xunta pola mobilidade saudable en Ourense

A conselleira destaca as obras da 2ª fase supuxeron unha actuación intensa con 975.000 € destinados a mellorar o acceso ao tanatorio de Ourense, incluíndo a construción dunha glorieta e un carril central de espera

Subliña o reforzo da seguridade dos peóns coa dotación dunha senda na marxe dereita da rúa Canizo, de beirarrúas, a mellora dos pasos de peóns e a instalación de iluminación e regulación semafórica

Ourense, 18 de maio de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a mellora da seguridade viaria acadada grazas ao investimento de 1,8 millóns de euros na estrada OU-105 en Seixalbo, punto de partida da grande aposta da Xunta pola mobilidade saudable en Ourense.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, supervisou o resultado da 2ª fase desta intervención integral e ambiciosa, unha “actuación intensa” que incrementa a seguridade viaria en torno ao tanatorio de Ourense, grazas a un investimento autonómico de case 975.000 euros.

 

Subliñou que con este remate de obras se completa unha transformación global da estrada OU-105 en Seixalbo, cumprindo cos veciños para ofrecerlles as condicións para realizar os seus desprazamentos de forma máis ordenada e segura, en coche ou a pé.

 

Salientou a actuación en 350 metros reordenando a sección transversal da estrada para optimizar a seguridade na circulación viaria. Para isto, executouse unha glorieta de 26 metros de diámetro no acceso á rúa Canizo; mellorouse o acceso ao tanatorio, cun carril central de espera para os xiros á esquerda; e deixouse a rúa Canizo de sentido único desde o inicio ao tanatorio e de dobre sentido ata a rotonda. 

 

Fixo fincapé no reforzo da seguridade dos usuarios que se desprazan a pé por esta contorna, polo que se executou unha senda na marxe dereita da rúa Canizo ata conectala coa OU-105; se habilitaron beirarrúas, adaptando tamén os pasos de peóns para facelos accesibles e instalando neles iluminación e regulación semafórica.

 

A actuación completouse coa mellora dos firmes e dos pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe e a mellora da sinalización en todo este treito.

 

Con esta intervención, a conselleira explicou que se lle deu continuidade á realizada en 2019, cun investimento de 850.000 euros, tamén para a mellora da seguridade e da mobilidade, intervindo nun treito de 1,5 km entre a zona do tanatorio e O Cumial.

 

Detallou que na primeira fase se construíu unha nova glorieta, se eliminou o terceiro carril para calmar o tráfico e dispoñer espazo para carrís centrais e aparcadoiros, se melloraron os pasos de peóns e se habilitaron marquesiñas para as paradas de autobús, ademais de sendas.

 
Mobilidade saudable e sostible

Ethel Vázquez enmarcou esta actuación na grande aposta que está a realizar a Xunta pola “mobilidade saudable e sostible” en Ourense e avanzou que nas vindeiras semanas comezarán as obras do novo itinerario peonil e ciclista previsto nesta mesma estrada OU-105 na Ponte Sevilla.

 

Esa intervención completarase coa construción doutros dous treitos de sendas na OU-536 na Rabaza e na avenida de Ponferrada, o que suporá un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros en Ourense.

 

O Goberno galego tamén ten actualmente en proceso de contratación dous itinerarios en Montealegre e Valdorregueiro, aos que destinará 1, 6 millóns de euros.

 

Ademais a conselleira concretou que actualmente o seu departamento está centrado no traballo técnico e no diálogo institucional para avanzar no deseño do grande eixe de mobilidade sostible para conectar de norte a sur a cidade, partindo da estación intermodal para chegar ata Seixalbo.

 

Sinalou que será un itinerario peonil e ciclista de 5,2 km e terá un investimento da Xunta de 4,5 millóns de euros para transformar os hábitos de mobilidade cara a un modelo máis saudable e avanzar cara ao obxectivo dos desprazamentos limpos.

 

Concluíu que o Executivo autonómico ten en marcha proxectos que suman un orzamento de preto de 8 millóns de euros para construír 10 novos quilómetros de sendas e seguir mellorando a seguridade e a mobilidade en Ourense.

Imaxes relacionadas