A Xunta licita por preto de 2,2 M€ as obras para a mellora integral do sistema de abastecemento municipal do concello de Arbo

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio desta licitación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xuño

Executarase unha nova estación de tratamento de auga potable, obras de renovación do bombeo principal, unha nova tubaxe de impulsión cara ao Couto, de maior diámetro, e unha nova conexión entre os depósitos do Couto e Paravedra

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022.- A Xunta licitou hoxe por 2.195.444 € as obras de mellora integral do sistema municipal de abastecemento do concello de Arbo.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio desta licitación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xuño.

 

A través deste contrato executaranse unha nova estación de tratamento de auga potable, así como actuacións de renovación do bombeo principal, unha nova tubaxe de impulsión cara ao Couto, de maior diámetro, e unha nova conexión entre os depósitos do Couto e Paravedra.

 

As obras teñen un prazo de execución de 8 meses e suporán, no seu conxunto, un investimento de 2.325.000 M€.

 

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arbo.

 

A Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cunha achega de máis de 2,1 M€, ademais de contratar e executar as obras. Pola súa banda, o Concello achegará preto de 163.000 € e asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación destes servizos municipais.

 

As obras serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.

 

As obras que se van executar

O concello de Arbo dispón, actualmente, dun sistema de abastecemento baseado na captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto. Estas instalacións son moi antigas, polo que sofren importantes perdas e o subministro non está garantido, sobre todo en época estival.

 

A intervención busca solucionar as deficiencias detectadas na captación do río Deva, que abastece á practica totalidade do municipio, tras rematarse en xullo do 2021 a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia, de impermeabilización dos depósitos e instalación de equipos para o control do caudal e cloro libre.

 

As obras licitadas hoxe comprenden unha nova estación de tratamento de auga potable no Couto, a renovación das estacións de bombeo principais e a execución doutro bombeo coas súas correspondentes impulsións, 4 km de tubaxe en total, xunto coa rehabilitación de dous depósitos.

 

Coa execución destas actuacións búscase resolver os problemas no sistema de abastecemento municipal, mellorando a rede e asegurando o abastecemento estival, minimizando as perdas de auga e optimizando os depósitos.

 

Para executar o bombeo de Praia do Val substituiranse os equipos de bombeo existentes por 1+1 con novas bombas centrífugas verticais. Será precisa a renovación da caldeiraría e a valvulería. O bombeo contará cun sistema de control, xestión e supervisión composto por un autómata programable con pantalla táctil e sistema de telexestión avanzada mediante comunicación 4G. Na impulsión entre Praia do Val e O Couto mudarase a tubaxe de impulsión por unha nova de algo máis de 2 km de lonxitude.

 

A obra na estación de tratamento de auga potable no Couto está deseñada para tratar un caudal de 50m3/h. A auga bruta procedente do novo bombeo de Praia do Val entrará directamente na cámara de mestura onde se inicia o tratamento. Todos os equipos, salvo o pretratamento compacto, aloxaranse nun novo edificio.

 

O bombeo do Couto executarase sobre o depósito O Couto 1, nunha caseta existente, colocaranse 1+1 bombas centrífugas verticais. O bombeo contará, tamén, cun sistema de control, xestión e supervisión composto por un autómata programable con pantalla táctil e cun sistema de telexestión avanzada mediante comunicación 4G.

 

No caso da impulsión entre O Couto e Paravedra substituirase a tubaxe de impulsión por unha de 80 mm de diámetro e máis de 2,1 km lonxitude total. Ademais rehabilitaranse os depósitos do Couto e de Paravedra.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.