Fernández-Tapias destaca o KiteFest Cesantes como un “espectáculo único” que converte a ría de Vigo en capital náutica

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este mércores na presentación do acordo de colaboración para unha nova edición da proba na enseada de San Simón

Vigo, 18 de maio de 2022.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá xunto ao presidente do TMKite Club, Ricardo González, e o rider Justo Fernández Buena Voena na presentación do acordo de colaboración para a quinta edición do KiteFest de Cesantes que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de xullo. A representante autonómica gabou o evento deportivo como “un espectáculo único que mostra Redondela e a praia de Cesantes ou a illa de San Simón, convertendo a ría de Vigo na capital do kitesurf”.

 

Fernández-Tapias explicou que ademais das actividades destinadas exclusivamente aos participantes, o KiteFest contará cun village aberto ao público con zona de descanso, foodtrucks, taller de cometas para nenos, música e cea para participantes e convidados entre outras opcións. O village, situado a pé de praia e fronte á zona destinada para as carpas das marcas colaboradoras, converterase cada día no punto de reunión de riders e público antes e despois da competición.

 

Igualmente, destacou que o KiteFest xa está consolidado como un dos eventos máis importantes de kite en España e o máis multitudinario da zona norte da península, polo que o obxectivo da organización para o 2022 será seguir crecendo como evento e situar Cesantes e Galicia como referente no mapa nacional deste deporte.

 

As probas de regata, big Jump e freestyle volverán ser protagonistas do evento, á vez que se tratará de manter a oferta de actividades na praia para todos aqueles que desexen achegarse a gozar do KiteFest.

 

A responsable da Xunta sinalou o rotundo éxito do KiteFest en anteriores edicións. “Agardamos uns 100 participantes que veñen de Portugal, Italia e España e serán na súa maioría galegos”, indicou. Ademais, Cesantes acollerá a unhas 2.000 persoas para desfrutar “do noso deporte, da nosa natureza, do noso turismo e da nosa gastronomía”.

Imaxes relacionadas