A Xunta pon en valor o apoio da Fundación Esplai ás persoas en risco de exclusión dixital

O Goberno galego destina preto de 140.000 euros a esta entidade a través da orde de axudas de iniciativa social e con cargo á casilla social do 0,7% do IRPF

Cangas (Pontevedra), 18 de maio de 2022

A Xunta puxo en valor o apoio e o traballo realizado pola Fundación Esplai ás persoas en risco de exclusión dixital. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do curso de alfabetización dixital dirixido a mulleres marroquíes realizado por esta entidade no centro sociocomunitario de Cangas.

 

O director xeral sinalou que o Goberno galego destina preto de 140.000 euros a esta fundación a través da orde de axudas de iniciativa social e con cargo á casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). A través destas axudas, a Xunta facilita a posta en marcha de programas destinados á formación adaptada, á inclusión sociolaboral ou á alfabetización dixital para persoas en risco de exclusión.

 

O curso realizado no centro sociocomunitario de Cangas iniciouse o pasado 6 de abril e tivo lugar cada mércores. Entre os contidos impartidos destacan o manexo de teléfonos intelixentes, navegación e comunicación por Internet, realización de xestións telemáticas e comercio online.

Imaxes relacionadas