A Xunta premia o labor de tres cooperativas galegas de Fene, Vigo e Narón pola súa contribución ao desenvolvemento económico e social da comunidade

Os Premios á Cooperación 2022 nas súas tres categorías de fomento dos valores cooperativos, mellor proxecto novo e mellor traxectoria recaeron, respectivamente, nas sociedades cooperativas Aventeira de Fene, 13 Grados de Vigo e Agroflor de Narón

As entidades destacaron polo seu compromiso coa igualdade e por fomentar o apego ao territorio e as prácticas medioambientais respectuosas

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022.- A Xunta vén de fallar os Premios á Cooperación que, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, foron outorgados a tres empresas cooperativas de Fene (A Coruña), Vigo e Narón (A Coruña),  pola súa contribución á posta en valor en Galicia do modelo da Economía Social e a súa contribución ao desenvolvemento social e económico da comunidade.

O Premio aos valores cooperativos recaeu na cooperativa Aventeira de Fene, por ter destacado no impulso dos valores e principios cooperativos. Esta entidade constituída en 2019 e que conta con 7 persoas socias traballadoras enmarca a súa actividade no sector do lecer, creando espazos educativos que estenden a oferta de tempo libre máis alá dos períodos estivais. Entre outras iniciativas, Aventeira vén de desenvolver desde as aulas un programa de mediación de conflitos entre a mocidade; traballa en iniciativas de fomento da igualdade; a educación de valores no tempo libre; e desenvolve, en colaboración coa Xunta, cursos oficiais de monitorado de actividades de tempo libre.

O galardón ao mellor proxecto cooperativo novo foi para a 13 Grados, sociedade radicada en Vigo, creada hai apenas 20 meses, e que traballa pola divulgación e conservación do medio mariño. A entidade desenvolve recursos didácticos para achegar a riqueza litoral á sociedade e trasladar a necesidade de preservala. Organizan rutas submariñas interpretadas, obradoiros e charlas temáticas, safaris de mergullo e exposicións de fotografía subacuática, entre outras actividades.

No caso da mellor traxectoria cooperativa, o premio recaeu en Agroflor, cooperativa agraria con sede no polígono de A Gándara, en Narón. A Xunta destacou o seu bo facer desde o ano 1985, no que se constituíu. Esta cooperativa dedícase ao cultivo e comercialización de flores ornamentais, plantas e horta e é na actualidade, a única cooperativa deste sector que queda en Galicia. Destaca por favorecer o acceso da muller ao mundo laboral e polo tratamento de menor impacto ambiental que lle brinda ás súas plantacións, nas que empregan, por exemplo, funxicidas biolóxicos. Das 6 persoas que integran o consello reitor, 5 son mulleres. Ademais traballan para que as novas xeracións se incorporen ao sector para evitar o despoboamiento rural.

Cos galardóns ao cooperativismo, a Xunta pretende impulsar esta fórmula económica, e poñer en valor os seus principios entre a sociedade,  así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando coa súa aposta pola igualdade, a proximidade e a xeración de emprego. Na actualidade a Economía Social representa o 7% do Producto Interior Bruto de Galicia e destaca polo emprendemento feminino xa que, na actualidade, máis da metade das novas cooperativas parten da iniciativa feminina.