A Xunta remata as actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de dous ríos no concello de Bueu

Os traballos realizáronse na parroquia de San Martiño de Bueu, nun treito de 1,3 quilómetros do rego do Frade, e noutro treito de máis de 1,5 quilómetros nun río innominado do lugar da Portela

As intervencións enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou esta semana as actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de dous ríos, no concello de Bueu.

 

Estes traballos, iniciados a mediados do pasado mes de febreiro, desenvolvéronse na parroquia de San Martiño de Bueu. Máis en concreto, as tarefas executáronse no lugar de Trasouto e O Valado, nun treito do rego do Frade de algo máis de 1,3 quilómetros de lonxitude. Tamén se realizaron estes mesmos labores noutro treito de máis de 1,5 quilómetros de lonxitude nun río innominado do lugar da Portela.

 

Estas tarefas enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

 

Os labores incluíron a retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río queda despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

 

Estas intervencións de Augas de Galicia contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas