A Xunta inviste preto de 120.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na comarca de Pontevedra para avanzar na prevención de incendios

As actuacións do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés céntranse en preto de 50 hectáreas dos concellos de Pontevedra, Barro, Meis e Poio, así como en 5 quilómetros de pistas

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2022.- A Consellería do Medio Rural está a investir preto de 120.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na comarca de Pontevedra, co obxecto de avanzar na prevención de incendios. As actuacións céntranse en zonas de alto risco de rexistrar lumes forestais dos concellos de Pontevedra, Barro, Meis e Poio, todos eles pertencentes ao distrito forestal XIX Caldas-O Salnés.

 

En concreto, os traballos preventivos consisten na mellora de pistas forestais empregando pa e motoniveladora, así como na roza e na instalación de pasos de auga onde é necesario. O obxectivo é facilitar o acceso dos medios de prevención e extinción por estas vías e, ao tempo, evitar a propagación e diminuír o risco de incendios forestais.

 

Canto á mellora de áreas cortalume, estanse a executar rozas, podas ou rareos, para interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal e para protexer os principais valores naturais.

 

En cifras, os traballos que se están a levar a cabo roldan as 30 hectáreas de mellora de áreas cortalume e a realización de rozas, podas e rareos en 10,76 ha desas áreas. En relación ás pistas forestais, actuarase en 7 hectáreas de faixas auxiliares e en 5 quilómetros deste tipo de vías.

 

Cabe engadir que os labores se localizan nos montes veciñais en man común de Curro, no concello de Barro; nos de Campañó, en Pontevedra; nos montes de San Tomé de Nogueira, en Meis; e nos de Tarrío e Arén, no concello de Poio. 

 

Os traballos enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural. Cabe sinalar que a programación de 2022 vénse de aprobar no Consello da Xunta e contempla un investimento de 33,1 millóns de euros, para actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural