Avanza a rodaxe en Ourense da película ’13 exorcismos’ co apoio da Xunta a través do seu hub audiovisual

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe o set de filmación instalado no colexio CEIP de Prácticas da cidade das Burgas

A produtora galega Bambú, Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends levan a cabo este proxecto, subvencionado con 350.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes e cunha previsión de retorno económico en Galicia duns 2,3M€

Os produtores executivos Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, xunto ao realizador Jacobo Martíñez, capitanean un equipo maioritariamente galego para levar á pantalla este filme de terror inspirado nun caso real de exorcismo
 

Ourense, 16 de maio de 2022

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, visitou hoxe en Ourense o equipo do filme de terror 13 Exorcismos no set instalado no colexio CEIP de Prácticas, unha das numerosas localizacións da cidade das Burgas nas que se está a desenvolver a filmación desta produción encabezada pola compañía Bambú Producciones xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends. O Goberno autonómico impulsou a súa gravación en Galicia cunha subvención de 350.000 euros a través da primeira quenda do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes proxectos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o trienio 2021-2023.

 

Esta liña de axudas busca actuar como incentivo para converter Galicia nun escenario habitual de rodaxes cinematográficas e televisivas. Así, tamén resultaron adxudicatarias da súa primeira convocatoria as series de Portocabo Rapa, que se preestrea esta noite no Teatro Jofre de Ferrol antes da súa emisión en Movistar+ a partir do vindeiro día 19, e Argonautas, así como Hasta el cielo, de Vaca Films. O financiamento público destes catro títulos implica un compromiso mínimo de gasto na nosa Comunidade por parte das empresas beneficiarias, que no caso de 13 Exorcismos se sitúa nos 1,75 millóns de euros.

 

Ademais, segundo as primeiras estimacións dun estudo encargado pola Xunta á Universidade de Santiago de Compostela, este investimento terá un importante impacto económico cunha previsión de retorno total duns 2,3 millóns de euros, sumando tanto o directo como o indirecto.

 

Equipo galego

Xunto con esta rodaxe 100% galega, o filme conta cunha ampla nómina de profesionais do país, que encabezan os produtores executivos Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, así como o realizador coruñés Jacobo Martínez, recoñecido por ser o responsable de fotografía de series como Gran Hotel, Velvet ou Gran reserva e que asume en 13 Exorcismos a súa segunda dirección audiovisual despois da de Jaguar.

 

Ruth Díaz, Urko Olazabal, María Romanillos e Pablo Revuelta son os protagonistas da película, inspirada no último caso de exorcismo documentado en España, no ano 2014, e que conta tamén no reparto con nomes tan coñecidos como os de José Sacristán ou a galega Cristina Castaño.

 

A filmación deu comezo o pasado 20 de abril en Ourense, que centra gran parte das localizacións e onde o equipo continuará traballando ata finais deste mes de maio. No CEIP de Prácticas rodáronse hoxe dúas escenas protagonizadas por María Romanillos, quen interpreta a Laura, a moza adolescente a quen seus pais deciden someter a exorcismo convencidos de que está posuída polo demo.

 

A continuación, a rodaxe trasladarase a Ordes (A Coruña) para filmar ata mediados de xuño nun plató habilitado para o efecto.

 
Segunda convocatoria do fondo

Nestes momentos, a Xunta mantén aberto o prazo de solicitude da segunda convocatoria do fondo de rodaxes, dotada con outros dous millóns de euros ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que está a supoñer un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia. As súas diferentes iniciativas sumarán un investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.