‘Continente María’, coprodución do Centro Dramático Galego con Ainé e o Concello da Coruña sobre María Casares, estréase mañá no Teatro Rosalía Castro

No marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o escenario coruñés acolle a función inaugural da obra que sobe ás táboas con A Quinta do Cuadrante e dentro da programación impulsada pola Xunta co gallo do centenario da actriz

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2022

A coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) con Ainé Producións e o Concello da Coruña arredor da figura de María Casares, Continente María, estréase mañá na cidade herculina no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios promovida pola Xunta en colaboración coas administracións locais. A peza lévase a escena coa compañía A Quinta do Cuadrante e forma parte da axenda conmemorativa impulsada polo Goberno galego co gallo do centenario da actriz. A función inaugural terá lugar no Teatro Rosalía Castro ás 20,30 horas.

Con texto de Marianella Morena e dirixida por Tito Asorey, Continente María conta no elenco coa actriz Melania Cruz e o pianista Vadim Yukhnevich. Completan o equipo Laura Iturralde como responsable de iluminación, José Faro Coti da escenografía e Jairo Iglesias do vídeo.

O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. Presenta a actriz como o mapa dun continente a percorrer gozando dos detalles da súa paisaxe chea de vitalidade e ganas de vivir. Tras a estrea na Coruña, a monataxe estará no Salón Teatro de Santiago durante dúas semanas.

A coprodución insírese na ampla programación deseñada pola Xunta con motivo do centenario de María Casares, con diversas accións que teñen como escenario a cidade da Coruña. Así, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés acolle ata finais de ano unha exposición arredor da artista con fondos propios e o Museo de Belas Artes, un ciclo de conferencias que trae a Galicia personalidades relevantes da cultura que coñecen de preto o traballo e o legado da actriz. Outra das mostras programadas, de carácter itinerante, está xa instalada en Santiago de Compostela.

Dinamización da actividade escénica

Á súa vez, Continente María forma parte das seis coproducións previstas pola unidade teatral da Xunta ata xuño. Súmase ás xa estreadas Come and go, de Helena Salgueiro; O Péndulo, de Inversa Teatro; Rastros, de Condetrespés, e os novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura de Galicia e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass.

Como peche do semestre, o 28 de maio chega Asemblea xeral, de Sarabela Teatro, que desenvolverá a súa primeira función cara ao público no Barco de Valdeorras. Co impulso a estes proxectos búscase dinamizar a actividade escénica e a creación de audiencia en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.

Imaxes relacionadas