A Xunta apoia o festival “Cocidos do Camiño” polo seu potencial para promocionar a nivel internacional a gastronomía galega vinculada ás Rutas Xacobeas

A directora de Turismo, Nava Castro, participou xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na inauguración da iniciativa, que conta con propostas gastronómicas relacionadas coa exaltación deste produto, culturais e de promoción do Camiño de Santiago

Lalín (Pontevedra) , 13 de maio de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na inauguración do festival gastronómico Cocidos do Camiño, que hoxe e mañá oferta unha ampla programación relacionada coa gastronomía -en concreto a exaltación do cocido-, a cultura e o Camiño de Santiago.

O evento dá continuidade á Feira do Cocido de Lalín celebrada do pasado abril e considerada Festa de Interese Turístico Internacional, a través do intercambio de experiencias gastronómicas vinculadas ao Camiño de Santiago, coincidindo con este Xacobeo.

Nava Castro destacou que o festival converte Lalín no quilómetro cero da gastronomía tradicional e tamén no escaparate internacional da gastronomía galega vinculada ás rutas xacobeas. De feito, sinalou que o Camiño de Santiago é o maior reclamo turístico da comunidade e o cocido un dos produtos de maior exaltación da gastronomía da comunidade, polo que incidiu na boa combinación entre ambos recursos. Ademais, Lalín é punto de encontro de dúas rutas xacobeas: o Camiño de Inverno e a Vía da Prata. 

Na parte gastronómica do festival estarán representados xunto co cocido galego, o lebaniego, o extremeño ou o pote asturiano que serán preparados por chefs e restaurantes do territorio nacional. No espazo musical actuarán, entre outros, Tanxugueiras, Baiuca, Club del Río, Maluks ou Atmosfera 0.

Imaxes relacionadas