O conselleiro do Medio Rural en funcións clausurou o IX Encontro coa industria alimentaria organizado por Vegalsa-Eroski

A Xunta destaca que a nova Lei da calidade alimentaria persegue impulsar a excelencia dos produtos galegos nos diferentes mercados da man da distribución

Tras poñer en valor a produción alimentaria de calidade e a transformación con valor engadido, José González considerou clave o papel desenvolvido por cadeas como Vegalsa-Eroski, para dar a coñecer o bo facer que define o noso sector primario

Nesa liña, agradeceu a adhesión da empresa á rede Mercaproximidade que permitiu dar saída aos produtos do agro durante a emerxencia sanitaria e, máis recentemente, ao protocolo de entendemento que busca dignificar as rendas do vacún de carne

Na súa intervención, o conselleiro en funcións aludiu á Lei de recuperación da terra, que está a contribuír a darlle un pulo ás producións galegas de calidade, xerando riqueza que axuda a fixar poboación no rural

A Coruña, 13 de maio de 2022

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, destacou hoxe que a nova Lei da calidade alimentaria de Galicia persegue impulsar a produción de calidade no rural, a transformación na industria con valor engadido e, por último, a acollida destes produtos nos diferentes mercados da man da distribución. Así o dixo no IX Encontro coa industria alimentaria organizado por Vegalsa-Eroski, onde estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e onde aproveitou para agradecer o labor desta empresa á hora de sumarse ás distintas iniciativas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural. 

 

Nesa liña, José González lembrou que Vegalsa-Eroski foi unha das cadeas de distribución que se adheriu durante a emerxencia sanitaria á rede Mercaproximidade, impulsada pola Xunta para dar saída aos produtos agroalimentarios que viron alteradas as súas vendas por mor das restricións na hostalaría e na restauración. Máis recentemente, a compañía subscribiu tamén o protocolo de entendemento histórico que se promoveu entre toda a cadea de valor do sector do vacún de carne e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, para frear a venda a perdas e dignificar as rendas que reciben os produtores.

 

Canto á Lei da calidade alimentaria, José González lembrou que o texto iniciou a súa tramitación como anteproxecto coa finalidade de ter aprobada a norma neste ano 2022. Tamén se porá en marcha a sección Galicia Calidade Alimentaria, que distinguirá no mercado os produtos de excelencia da comunidade, co mesmo obxectivo de potenciar a produción de calidade diferenciada que define o noso sector primario.  

 

Afondando na potenciación do bo facer no noso agro, o titular de Medio Rural en funcións referiuse ao importante pulo que está supoñendo a Lei recuperación da terra agraria para a produción de calidade a través de figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, que están servindo para poñer en valor terra que estaba abandonada ou infrautilizada co obxectivo de xerar actividade económica que contribúa a fixar poboación no rural e, ao tempo, axude a anticiparse aos incendios forestais.

Imaxes relacionadas