A Xunta fixa condicións ao Concello de Santiago para a construción da plataforma loxística de Mallou ao localizarse no Camiño Inglés

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza na tramitación ambiental do plan especial desta infraestrutura

Da análise do proxecto non se agardan efectos significativos, pero se propoñen unha serie de medidas para garantir unha axeitada integración da dotación

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia fixa unha serie de condicionantes ao Concello de Santiago de Compostela para a construción da plataforma loxística de Mallou, ao localizarse no Camiño Inglés.

 

O proxecto, do que non se agardan afeccións ambientais relevantes no seu interior nin na ocupación do solo, desenvolverase nunha zona próxima á ruta xacobea e dunha área residencial, polo que é necesario adoptar medidas para unha axeitada integración.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir o Informe ambiental estratéxico do plan especial desta infraestrutura, para a distribución de mercadorías ao servizo do centro histórico de Santiago, e decide non sometelo a avaliación ambiental ordinaria, pero detalla unha serie de condicionantes ao proxecto.

 

Nese sentido, o Instituto de Estudos do Territorio indica que o concello de Santiago deberá realizar un estudo da paisaxe, cuxo contido debe ser proporcionado e específico ao lugar e ás funcións do plan. O estudo deberá incluír unha análise da visibilidade dende o Camiño Inglés.

 

Deste xeito, a entidade local fixará as medidas oportunas para asegurar a mellor integración paisaxística posible como, entre outras, crear barreiras vexetais nas marxes da parcela mediante arborado autóctono, para minimizar o impacto visual da nova infraestrutura; fixar unhas condicións tipolóxicas, estéticas e construtivas para que a edificación presente unha composición coidada, tendo en conta o contido da Guía de cor e materiais; ou establecer as condicións para a regulación dos peches da parcela, para o que se terá en conta as normas e recomendacións da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

 

Para garantir a protección do patrimonio cultural, darase cumprimento ás medidas expostas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como identificar axeitadamente no plan, tanto na memoria coma nos planos de información e ordenación, a traza e territorio histórico do Camiño Inglés; e incluír o réxime xurídico de intervencións nos bens catalogados e os criterios de intervencións conforme ao disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

 

Asemade, o plan especial conterá as medidas necesarias e suficientes para garantir a adecuada conexión do ámbito cos sistemas xerais exteriores existentes —abastecemento e saneamento de auga, entre outros— e, de ser necesario, a ampliación ou reforzo dos devanditos sistemas, atendendo ao que establezan os servizos técnicos municipais e as empresas subministradoras. Tamén se indica a necesidade de prestar unha especial atención á adecuada xestión das augas pluviais.