A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o secretario xeral técnico e o director xeral de Gandaría participaron hoxe na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta avanza na confección do Plan Monterrei a través dun activo proceso de participación pública

Inés Santé explicou os pasos que se están dando na confección deste plan, que busca dinamizar e valorizar a área suroriental da provincia de Ourense a través dunha planificación e xestión territorial integrada

Avanzou que no eido da recuperación e posta en produción da terra agraria, xa se ten delimitado cinco polígonos agroforestais (805 hectáreas) e localizadas preto de 3.000 hectáreas de masas de concentración parcelarias en estado de abandono que constitúen zonas preferentes para o desenvolvemento destes instrumentos

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022

A Consellería do Medio Rural avanza na confección do Plan Monterrei a través dun proceso activo de participación pública, co fin de localizar os espazos de oportunidade para os diversos sectores estratéxicos desta comarca, así como os axentes potenciais para executar as medidas establecidas. Desta forma, destacou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, conseguirase dinamizar e valorizar a área suroriental da provincia de Ourense.

Durante a súa intervención na Comisión 7ª do Parlamento, a directora xeral avanzou que este plan busca establecer e poñer en marcha diferentes instrumentos, ferramentas e proxectos de forma coordinada entre as distintas administracións con competencias na área e, sempre, cun diálogo continuo cos axentes do territorio para acadar a valorización integral do mesmo.

Neste senso, Inés Santé explicou que o deseño deste Plan incorporou preto de 80 entrevistas con axentes dos sectores agropecuario, forestal, turístico-patrimonial e das administracións locais, entre outros. Actualmente, estanse a desenvolver obradoiros de participación pública cos axentes máis relevantes para a dinamización do rural. Nestes talleres, sinalou, preséntanse as propostas recollidas nas entrevistas para, finalmente, traballar nunha matriz de impacto e así priorizar as propostas. Precisamente, apuntou a directora xeral, nos obradoiros desenvolvidos ata o de agora constatouse unha gran resposta social, cunha media de arredor de 20 participantes por concello de diversos perfís. Por último, Santé tamén destacou a realización de mesas temáticas, onde os participantes colaboran na definición de obxectivos de cara ao futuro dese sector, atendendo ás súas necesidades específicas.

Con todo, a directora xeral trasladou que todas estas xornadas están a contribuír dunha forma moi produtiva no deseño deste plan integral, que tamén busca mellorar a resiliencia do territorio fronte ao lume, cun especial énfase na recuperación da terra para a produción agraria e a dinamización turística da zona.

Neste senso, Inés Santé avanzou que no ámbito da recuperación e posta en produción da terra agraria xa se ten delimitado o ámbito e iniciadas as actuacións previas en cinco polígonos agroforestais (en Oímbra, Riós, Monterrei e dous en Cualedro, un deles cortalume) que suman un total de 805 hectáreas. Así mesmo, a denominación de orixe Monterrei delimitou outras posibles zonas para o desenvolvemento de polígonos de viñedo, que abarcan unhas 400 hectáreas de superficie.

Por outra banda, a Consellería localizou na comarca preto de 3.000 hectáreas correspondentes a masas de concentración parcelaria en estado de abandono que constitúen zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais. E, non menos importante, Santé lembrou que se están a por en valor 200 hectáreas de terra nas catro aldeas modelo declaradas en Cualedro (Carzoá), Monterrei (Infesta), Riós (Pedrosa) e A Gudiña (O Seixo).

No ámbito da planificación forestal, Inés Santé indicou que a Consellería traballará na mellora dos montes veciñais en man común con instrumentos de ordenación (na comarca supoñen máis de 56.000 hectáreas só en xestión pública), na recuperación de soutos en case 3.000 hectáreas localizadas de soutos tradicionais e na mellora da produción forestal e dos seus produtos, a través de montes planificados, da produción de madeira de frondosas autóctonas e da marca Pino de Galicia.

Por último, no sector turístico, o plan incluirá a posta en valor das paisaxes culturais e dos elementos patrimoniais materiais e inmateriais da comarca, a atención ao Camiño de Santiago, a recuperación do turismo termal, a promoción do enoturismo e o plan da fortaleza de Monterrei. Todo isto, apuntou a directora da axencia, coas correspondentes melloras na conectividade e na cobertura para os núcleos rurais, mediante o aproveitamento das sinerxías que xeran as distintas infraestruturas.

Conservación das razas autóctonas

Pola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, indicou que no Catálogo de Razas de España recóllense un total de 11 razas autóctonas de Galicia (rubia galega, cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa, ovella galega, cabra galega, porco celta, cabalo de pura raza galega e galiña de Mos). Así, debullou o apoio que o Goberno galego vén dando nos últimos cincos anos a estas razas gandeiras galegas, destacando os máis de 6,7 millóns de euros destinados para a conservación dos recursos xenéticos autóctonos.

Noutra orde de cousas, Balseiros deu conta das convocatorias de axudas para o apoio aos investimentos mas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Así, salientou que a Xunta convocou 283,6 millóns de euros (sen contar a actual convocatoria) en axudas deste tipo desde o ano 2016, a través das cales se aprobaron 3.377 plans de mellora, 2.013 incorporacións de mozos e 889 melloras en pequenas explotacións.

Sentenza do TSXG

Sobre unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza Galego acerca dunha situación de acoso laboral a un empregado do Servizo de prevención e extinción de incendios, o secretario xeral da Consellería, Nicolás Vázquez, asegurou que a Administración galega levou a cabo numerosas actuacións tan pronto foi coñecedora da situación. Así, indicou que, unha vez constatada a posible existencia de infraccións no ámbito disciplinario, tramitouse o correspondente expediente de acordo coa normativa vixente.

En calquera caso, o secretario xeral indicou que se respectaron escrupulosamente todos os procedementos administrativos establecidos e relativos ao exercicio da potestade disciplinaria, asegurando os dereitos de todos os traballadores e garantindo a total obxectividade no trato a uns e outros.