A Xunta recibe as ofertas de 9 empresas para executar a rehabilitación do firme de tres estradas da zona sur de Lugo, cun investimento de 1,5 M€

Melloraranse as estradas autonómicas LU-617, LU-611 e LU-603 ao seu paso por Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda

As obras suporán o acondicionamento do firme nun total de 17 km, incluíndo a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas para reforzar a seguridade

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2022

A Xunta recibiu as ofertas de 9 empresas para executar as obras de mellora de firme en 3 estradas autonómicas da zona sur de Lugo, que suporán un investimento de 1,5 millóns de euros.

 

Trátase do acondicionamento do pavimento nas estradas LU-617, LU-611 e LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda. A intervención suporá a mellora do firme nun total de 17 quilómetros das tres vías autonómicas.

 

De xeito máis detallado, as actuacións na LU-617 prevén o acondicionamento en 11,5 km entre Monforte de Lemos e Escairón (O Saviñao), en concreto desde a glorieta na que conecta a vía de altas prestacións CG-2.2, no punto quilométrico 1,5, ata a intersección coa estrada LU-615 en Escairón, no punto 13.

 

Na LU-611, ao seu paso polo concello de Bóveda, a intervención mellorará algo máis de catro quilómetros desta estrada de conexión con Taboada. Toda a actuación desenvolverase neste termo municipal, desde a glorieta de Rubián, no punto quilométrico 1 e ata o punto 5+030.

 

As obras na estrada LU-603 abranguerán a totalidade da vía, que ten unha lonxitude de 1,58 km e transcorre pola parroquia de Vilamelle, en Pantón, onde enlaza no inicio coa estrada N-120 e no final coa estrada de Sober.

 

O detalle das obras

Na LU-617 o proxecto obxecto deste contrato recolle a realización de fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo con mestura bituminosa en quente nas zonas deterioradas. Tamén se acometerán recrecidos do firme a calzada completa en todo o ancho da plataforma na totalidade do treito.

 

Pola súa banda, na LU-611 e na LU-603 executarase a regularización do pavimento con mestura bituminosa nas zonas en mal estado. A actuación terá o ancho do carril completo. En ambos os casos, realizaranse recrecidos do firme en toda a calzada.

 

Estres traballos completaranse cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade e as prestacións das tres estradas, como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.