A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou hoxe dous establecementos beneficiarios destas achegas na convocatoria do ano pasado

Martina Aneiros lembra a empresas e autónomos de Ferrolterra que as axudas do Bono Enerxía Peme 2022 poden solicitarse ata o 14 de xullo

Aneiros informou que estes apoios poderán financiar ata o 80% do investimento da actuación cun límite máximo de 6.000 euros

A convocatoria da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación conta cun orzamento de 2 millóns de euros
 

Ferrol, 13 de maio de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recordou a empresas e autónomos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que o prazo para presentar solicitudes ao programa Bono Enerxía Peme 2022 da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación está aberto ata o 14 de xullo.

 

Martina Aneiros fixo este recordatorio durante a visita a dous dos establecementos beneficiarios na cidade da orde do ano pasado. Trátase da Farmacia Callao, que percibiu unha achega de preto de 3.000 euros para a renovación dos equipos de iluminación, concretamente un rótulo luminoso, e o establecemento ERROR! Ferrol con cerca de 5.000 euros para a instalación de sistemas de climatización e ventilación.

 

“O Goberno galego repite por segundo ano consecutivo esta convocatoria incluída no marco do Plan de Choque da Xunta para facerlle fronte á subida da inflación e a actual carestía de produtos enerxéticos”, indicou a delegada territorial. Aneiros lembrou que a Xunta continúa así potenciando actuacións de mellora e aforro enerxético, enerxías renovables e xestión dos recursos nos distintos sectores.

 

O Bono Enerxía Peme 2022 conta cun orzamento global de 2 millóns de euros e ten aberto o prazo de solicitude ata o 14 de xullo, aínda que poderá pecharse antes no caso de esgotarse o crédito. As achegas financiarán ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000 euros.

 

Poderán solicitar estes apoios económicos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación os empresarios e autónomos con actividades nos ámbitos do comercio, a hostalaría, os traballos artístico-recreativos e outros servizos.

 

Entre os investimentos obxecto de percibir estas axudas figuran a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas térmicas; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior, incluídos rótulos, por outros de tecnoloxía LED; a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións eléctricas; a substitución de equipamento de cafeterías, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparellos de redución de consumo en sistemas de climatización, ventilación ou auga quente, e a implantación de sistemas domóticos e inmóticos

Imaxes relacionadas