A Xunta salienta a contribución da investigación académica para reforzar e poñer en valor o traballo das bandas de música galegas

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración do III Congreso Internacional de Bandas de Música, que se celebra no Conservatorio Superior de Música de Vigo co apoio da Xunta

Desenvólvese ata o sábado coa participación de numerosos profesionais e investigadores de musicoloxía de España que analizarán o traballo, historia e repertorio desta tipoloxía de agrupacións musicais

Vigo, 12 de maio de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Vigo na inauguración do III Congreso Internacional de Bandas de Música organizado pola Sociedade Española de Musicoloxía co apoio da Xunta, no que puxo de manifesto a oportunidade que supón a investigación académica para reforzar e poñer en valor “a gran tradición bandística galega”. Neste sentido, salientou o especial papel que teñen estas agrupacións desde as xeracións máis novas e o elevado volume de bandas na Comunidade.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou, ademais, que desde hai anos a Xunta apoia o seu traballo de xeito directo a través da Federación Galega de Bandas de Música Populares para facilitar a posta en marcha de actividades de formación, promoción e difusión da música bandística. “Que esta tradición e o traballo levado a cabo polos profesionais das bandas de música chegue tamén ao ámbito académico reforza a súa promoción e a súa posta en valor con teses de doutoramento ou artigos en revistas científicas que permiten analizalas desde distintos enfoques”, expresou ao tempo que felicitou á organización por levar a cabo un congreso destas características en Galicia.

 

Distintos enfoques

O III Congreso Internacional de Bandas de Música desenvólvese desde hoxe e ata o sábado no Conservatorio Superior de Música de Vigo coa presenza de numerosos profesionais e investigadores da musicoloxía en España. Entre outros aspectos, afondarase no papel desta tipoloxía de agrupacións musicais desde distintos enfoques como a antropoloxía, etnografía, patrimonio cultural, organoloxía histórica ou mesmo sobre o rol formativo e educacional.

 

O Congreso terá un perfil máis teórico, coa análise musical do repertorio para banda de música, e outro de corte más práctico, centrado nos procesos e problemática da edición crítica dese mesmo repertorio. A súa organización parte da comisión de Bandas de Música da Sociedade Española de Musicoloxía, coa dirección dos investigadores vencellados á Universidade Complutense de Madrid Nicolás Rincón e David Ferreiro, este último graduado no seu día en Musicoloxía polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, que acolle o evento.

No comité científico figuran destacados nomes da musicoloxía internacional, como o profesor John R. Lock da University of North Carolina Greensboro, a profesora Salwa El-Shawan Castelo-Branco da Universidade Nova de Lisboa, ou o profesor. Alex Schillings do Royal Conservatoire The Hague. Tamén os profesores Carlos Villar-Taboada, da Universidade de Valladolid e Cristina Bordas da Complutense de Madrid. Completan a organización docentes do Conservatorio Superior de Vigo e doutras universidades españolas.

Imaxes relacionadas