A Xunta inviste 185.000 euros no acondicionamento de cortalumes e pistas forestais en montes do distrito VII da Fonsagrada-Os Ancares

Os traballos de prevención localízanse en distintos montes dos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna, As Nogais, Baleira, Negueira de Muñiz e Becerreá

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.- A Consellería do Medio Rural avanza na mellora e no acondicionamento de pistas forestais e cortalumes en varios montes do Distrito Forestal VII da Fonsagrada-Os Ancares, cuxo investimento ascende a 185.000 euros. Concretamente, estes traballos preventivos estanse a levar a cabo en montes dos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna, As Nogais, Baleira, Negueira de Muñiz e Becerreá.

 

Así, as actuacións que se están levando a cabo nestes montes consisten na roza e acondicionamento dun total de 254 hectáreas de superficie, entre cortalumes e faixas de pistas forestais, ademais da mellora de 81 quilómetros de pistas.

 

En concreto, nas áreas cortalumes estase a modificar a vexetación existente, mediante motoniveladora e bulldozer, co fin de crear ou mellorar liñas de defensa para así facilitar os traballos de extinción nestas zonas estratexicamente localizadas. No tocante aos traballos en pistas, estes inclúen a colocación de pasos de auga naqueles lugares onde son necesarios, a mellora de pistas forestais xa existentes con motoniveladora e bulldozer e aporte de áridos, así como a apertura de cunetas.

 

Todas estas actuacións buscan facilitar o acceso a estes montes por parte do Servizo de prevención e defensa de incendios forestais, para así garantir a correcta circulación dos vehículos antiincendios. Ademais, tamén se busca interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os principais valores naturais existentes nela.

 

Estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que para este ano 2022 conta cun orzamento de 33,1 millóns de euros para actuar en máis de 58.600 hectáreas de territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural