Os axentes medioambientais da Xunta comisan 17 troitas de talle ilegal a un pescador do Valadouro

A orde de pesca fluvial fixa un máximo de 6 exemplares ao día por persoa e un talle mínimo de 19 centímetros

Os axentes tamén lle incautaron unha cana mentres pescaba nun afluente do río Ouro
 

Lugo, 12 de maio de 2022.-

Os axentes medioambientais da Xunta de Galicia comisaron 17 troitas de talle ilegal a un pescador no concello do Valadouro.

 

Os axentes membros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda detectaron a presenza dun pescador, nun afluente do río Ouro, que posuía 17 exemplares desta especie piscícola con tamaños comprendidos entre os 11 e 18 centímetros. Asemade, tamén se lle confiscou unha cana.

 

Cómpre recordar que a orde anual na que se recollen as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 22 de febreiro, fixa a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día por persoa, cun talle mínimo de 19 centímetros.

 

Polo tanto, o pescador capturou troitas de tamaño inferior ao legal e, ao mesmo tempo, excedeu a cota de exemplares.

 

A Consellería sinala que non respectar as limitacións de número, peso ou tamaño son accións que poden ser sancionadas con multas de ata 3.000 euros, tal e como se fixa na Lei de pesca continental de Galicia.

Imaxes relacionadas