A Xunta expón a súa aposta pola economía azul e o crecemento sostible nas Xornadas de enxeñería de costas e portos

A presidenta de Portos de Galicia participou na apertura do congreso que celebra en Vigo a súa vixésimo sexta edición, á que o ente público contribúe con catro conferencias relacionadas con dragaxes, modelos de predición marítima nos peiraos e melloras nas instalacións portuarias

Vigo, 11 de maio de 2022

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, expuxo hoxe en Vigo o compromiso da Xunta coa economía azul vinculada á optimización da riqueza marítima e ao valor engadido do litoral así como coa defensa ambiental dos espazos portuarios e a xeración de dinámicas sostibles para a explotación marítima. Así o sinalou durante a apertura das XXVI Xornadas Españolas de Enxeñería de Costas e Portos, unha cita de ámbito nacional que se celebra este ano en Vigo.

A presidenta de Portos de Galicia formou parte da mesa presidencial do Congreso como membro do comité local desta edición, que reúne nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo ao longo do día de hoxe e de mañá a decenas de especialistas técnicos en materia litoral.

Susana Lenguas agradeceu durante a súa intervención a celebración en Galicia desta edición e destacou a relevancia da actividade marítima galega no mapa estatal. Así, lembrou que os 122 portos autonómicos e os das cinco Autoridades Portuarias do Estado moveron o ano pasado case 30 millóns de toneladas e que Galicia recibe preto do 70% da pesca fresca de España.

Ademais de como integrante do comité local de organización da XXVI edición das xornadas, Portos de Galicia contribúe ao intercambio de coñecemento deste Congreso con catro  conferencias promovidas polo ente público. En concreto abordaranse temas relacionados coas dragaxes portuarias, os modelos de predición marítima nos peiraos e as melloras das instalacións portuarias como a ampliación de atraques para embarcacións bateeiras realizada no peirao de Cabo de Cruz, en Boiro.