A Xunta pon en valor a historia e o patrimonio da Illa de Ons tras o descubrimento de achádegos da época romana cun proxecto arqueolóxico

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, e do investigador Adolfo Fernández, presentou os resultados do proxecto de investigación arqueolóxica


A actuación, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa Universidade de Vigo, consistiu en dúas intervencións na praia de Canexol e no Castro e terá continuidade cunha terceira antes do verán


No areal coñecíase a existencia dunha fábrica de salgadura e apareceu un conxunto industrial romano vencellado ao sector do mar, mentres que no castro descubríronse estruturas residenciais completas e utensilios para a vida diaria

“Realizouse un gran traballo, que nos permite confirmar a ocupación humana da illa hai vinte séculos e tamén o seu modo de vida, pero pretendemos continuar con esta liña de traballo para seguir poñendo en valor a súa historia”, sinalou Luis López
 

Bueu, 11 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, vén de presentar os achádegos da época romana na Illa de Ons descubertos no proxecto de investigación, estudo e escavación arqueolóxica realizado durante todo o pasado ano, o que permitirá poñer en valor, máis se cabe, a historia e o patrimonio deste enclave.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá na propia illa os resultados desta iniciativa xunto ao director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e o investigador do Grupo de Estudo de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández.

 

“Realizouse un gran traballo, a través de dúas intervencións, que nos permite confirmar a ocupación humana da Illa de Ons hai vinte séculos e tamén o modo de vida dos seus habitantes, polo que damos un paso máis no descubrimento da súa historia e ademais pretendemos continuar con esta liña de traballo para seguir poñéndoo en valor”, sinalou o representante autonómico.

 

Esta actuación, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo, consistiu en senllas intervencións na praia de Canexol e no Castro do Castelo dos Mouros e vai ter continuidade, antes do verán, cunha terceira no mesmo castro coa que se pretende exhumar máis superficie e descubrir novos achádegos.

 

En canto á actuación realizada no areal de Canexol, centrouse en afondar no seu pasado, posto que se sabía da presenza nesta zona dunha fábrica de salgadura dende hai uns 2.000 anos. Ao abeiro dos traballos realizados, apareceu un conxunto industrial romano completo vencellado ao sector do mar que ten un gran valor patrimonial no ámbito de toda a Península Ibérica.

 

No Castro do Castelo dos Mouros acometeuse unha intervención por vez primeira na historia, xa que apuntábase á existencia dun asentamento poboacional. No marco da mesma descubríronse estruturas residenciais e moitos utensilios, aparellos e incluso moedas, o que confirma a presenza humana nesta zona da illa na época romana.

Imaxes relacionadas