A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, acompañada do delegación territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o centro que presta servizo á Mancomunidade do Carballiño-Ribeiro

A Xunta financiará dez novas unidades de atención temperá para reforzar e estender a rede pública autonómica a 29 novos concellos

As instalacións darán cobertura a case tres decenas de municipios das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, todos os que o solicitaron

O Goberno galego investirá este ano 6,2 millóns de euros en manter as 36 unidades existentes en toda a Comunidade e poñer en marcha as de nova creación

O Carballiño (Ourense), 11 de maio de 2022

A Xunta de Galicia financiará en 2022 a posta en marcha de dez novas unidades de atención temperá, que prestarán servizo a un total de 29 novos concellos, para reforzar e estender a rede pública autonómica. A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, anunciou esta mañá a resolución da orde de axudas para a creación de novos centros, coa que se atende o 100% das peticións formuladas, durante unha visita as instalacións da Mancomunidade do Carballiño-Ribeiro.

 

As novas unidades de atención temperá darán cobertura, así, aos concellos de O Porriño, Nigrán, Bueu e Arteixo, e ás seguintes agrupacións de concellos: A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Covelo e Melón; Chantada, Carballedo e Taboada; Becerreá, Baralla, As Nogais e Navia de Suarna; Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Valga; Betanzos, Oza-Cesuras e Paderne, e Toques, Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar.

 

Fabiola García agradeceu o labor que prestan as traballadoras deste servizo, que serven de guía profesional a milleiros de familias galegas para detectar posibles trastornos de comportamento nos nenos de entre 0 e 6 anos a través dunha actuación conxunta e interdisciplinar imprescindible para ofrecer unha resposta global ás necesidades do pequeno.

Máis de 6 millóns de euros

Para garantir este servizo, que actualmente prestan 36 centros repartidos por toda a Comunidade, aos que hai que sumar os dez que se porán en marcha ao longo deste ano, o Goberno galego investirá 6,2 millóns de euros neste exercicio. A aposta que a Xunta de Galicia está a levar a cabo desde hai máis dunha década, engadiu a conselleira de Política Social en funcións, permitiu multiplicar por 15 o número de unidades en funcionamento desde 2009, cando só había dúas que cubrían 15 municipios, e multiplicar por dez o número de menores atendidos, que pasaron de 160 a 1.500.

Imaxes relacionadas