Retiro da Costiña recibe o selo de garantía de Galicia Calidade que certifica o seu compromiso coa innovación e a excelencia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destaca o esforzo do restaurante de Santa Comba pola mellora continua e a aposta polos produtos de proximidade

Santa Comba (A Coruña), 11 de maio de 2022.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe, xunto coa xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, o diploma de certificación do selo Galicia Calidade ao restaurante de Santa Comba Retiro da Costiña, que pon en valor o esforzo pola elaboración dunha experiencia gastronómica única, acreditada desde o ano 2008 cunha estrela Michelín.

 

No acto de entrega do certificado, Manuel Heredia salientou a aposta do Retiro da Costiña pola “combinación eficaz de tradición e innovación" nunha cociña de mercado a partir de materias primas de proximidade.

 

Coa incorporación do restaurante Retiro da Costiña, Galicia Calidade certifica xa 35 establecementos de hostalería, aos que hai que engadir outras 120 empresas certificadas que contan co selo de garantía, con máis de 600 produtos e servizos certificados, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

 

Retiro da Costiña comezou no ano 1939 e actualmente son a terceira xeración dos García, os irmáns Manuel e Leonor, ambos formados profesionalmente na Escola de Hostalería de Lamas de Abade (Santiago de Compostela), os encargados de liderar este proxecto. O establecemento conta co recoñecemento dunha estrela Michelín e dous solesRepsol.

 

Galicia Calidade certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de garantía.

Imaxes relacionadas