A Copa de España de Ciclismo pasa por segundo ano consecutivo por Galicia para mostrar “o incrible potencial dos equipos galegos”

O secretario xeral para o Deporte destaca tanto “a beleza como a dureza” da última proba da Copa de España que subirá montes como o Galiñeiro, a Grova ou o Aloia e que será a proba con maior distancia (190 quilómetros) e con maior desnivel acumulado (4.200 metros) do calendario nacional

Vigo, 11 de maio de 2022.-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da última proba da Copa de España de Ciclismo Elite-Sub 23 que pasa por segundo ano consecutivo por Vigo e que está organizada polo Club Ciclista Rías Baixas. O mandatario galego destacou o gran nivel do ciclismo galego que tamén acolleu a penúltima proba da Copa de España este pasado fin de semana coa celebración da Clásica de Pascua – Ruta Xacobea en Padrón organizada por outro club galego como o Club Ciclista Padronés.

Lete Lasa lembrou como en 2019, tras unha reunión con José Luis Chamorro, ambos dirixentes decidiron apostar pola ampliación das Copas de España en Galicia, e como a celebración da Copa de España en Vigo en 2021 foi o primeiro grande evento deportivo levado a cabo tras a pandemia coa realización de medio milleiro de tests, a creación de burbullas sanitarias ou a aplicación dos protocolos FISICOVID.

O secretario xeral para o Deporte agradeceu ao ciclismo en particular e ao deporte galego en xeral todo o seu traballo durante a pandemia que permite que hoxe “contemos cunha situación mellor incluso que a que había antes”. Neste sentido cifrou nun 8% o aumento das licenzas de ciclismo que se incrementaron ata as 8.500.

O responsable do deporte galego destacou tanto “a beleza como a dureza” da última proba da Copa de España que subirá montes como o Galiñeiro, a Grova ou o Aloia e que será a proba con maior distancia (190 quilómetros) e con maior desnivel acumulado (4.200 metros). Será unha oportunidade inmellorable para, dixo, poñer de manifesto o “incrible potencial dos equipos galegos” entre os que se atopa o Club Ciclista Rías Baixas que en 2021 proclamouse vencedor do ranking Elite-Sub 23.

Imaxes relacionadas