As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar en funcións visitaron esta mañá a zona de actuación

A Xunta licitará este mes as obras de mellora do bordo da praia do cruceiro en Porto do Son

Ángeles Vázquez lembra que a Xunta achegará o 70% dos preto de 263.000 euros necesarios para a materialización desta intervención, que se iniciará despois do verán

Rosa Quintana pon como exemplo os traballos realizados polo Goberno galego na fachada marítima deste concello, cos que facer compatible a actividade portuaria coa humanización da contorna
 

Porto do Son (A Coruña), 11 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia licitará este mesmo mes as obras de mellora do bordo da praia do Cruceiro, en Porto do Son, co obxectivo de inicialas despois do verán, co fin de non crear molestias aos usuarios do areal durante a tempada estival.

 

Estes son os prazos que se marca o Goberno galego para mellorar a fachada litoral neste punto do concello e que hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, trasladaron ao alcalde, Luis Oujo, durante unha visita á zona de actuación.

 

Tal e como explicou Ángeles Vázquez, esta actuación pretende poñer en valor a zona entre o espigón, a avenida de Galicia e o parque, mediante o fomento e consolidación das dunas e a organización de accesos ao areal a través delas.

 

Grazas a esta colaboración mellorase o estado actual de preto de 4.000 m2 da zona portuaria da vila sonense -unha das poucas que ostenta o distintivo Bandeira Verde de Galicia- polo que Portos de Galicia debe autorizar as obras por desenvolverse en terreos da súa titularidade.

 

O importe do proxecto ascende a preto de 263.000 euros, dos cales case 184.000 euros —o 70%— serán aportados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a contía restante -79.000 euros, un 30%- será achegada polo Concello, tal e como se expón no convenio asinado entre ambas partes e tamén Portos de Galicia.

 

Os traballos consistirán na demolición de muros de formigón, asfalto e bordos actuais, e tamén se realizarán movementos de terras para dar firmeza aos cimentos das pasarela que se instalará. Os pavimentos reporanse con lousas de granito e as pasarelas remataranse en madeira de pino. Así mesmo, a actuación recolle a instalación de abastecemento e saneamento para dar servizo aos usuarios da praia, coa colocación de duchas e lavapés, e de alumeando e de balizas.

 

Pola súa banda, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou o atractivo da actividade portuaria de vilas como Porto do Son. Nesta liña, subliñou a importancia de traballar para mellorar as fachadas marítimas e puxo o exemplo deste concello, onde a Xunta investiu 4 millóns de euros.

 

As actuacións realizadas permitiron reorganizar a vía, crear un edificio de servizos náuticos e portuarios na proximidade do dique, humanizar a contorna coa plantación de árbores, harmonizar a zona de xeito que todas as rúas que cruzan a vila ata o porto teñen pavimento de pedra e construír unha rotonda elevada á que se trasladou o emblemático hórreo da vila.

 

Con esta obra e a de recuperación da praia portuaria, expuxo Rosa Quintana, “apostamos por ese fermosismo co que dar cumprimento tamén ao obxectivo de fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico do concello”. Ademais, engadiu, estes traballos amosan a unión de distintos departamentos do Goberno autonómico co obxectivo de facer da Galicia costeira un exemplo de como debe adecuarse a relación vila-porto.

 

Asemade, o alcalde de Porto do Son agradeceu o traballo e a implicación de ambos departamentos da Xunta e afirmou que a intervención na fachada marítima de Porto do Son “é e será un exemplo para todos aqueles municipios costeiros”, que desexen facilitar e mellorar os accesos ás zonas portuarias e areais para os veciños e visitantes ao tempo que se mellora a paisaxe litoral e mariñeira.

 

Por último, Ángeles Vázquez sinalou que esta iniciativa é acorde ao plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego, para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.

 

Así mesmo, sinalou que no período entre 2010 e 2021, a Xunta impulsou a través do plan Hurbe a execución de 360 actuacións urbanísticas cun valor de 63,3 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas