O delegado territorial, Gabriel Alén, visitou esta mañá o concello

A Xunta concede ao concello de Lobeira unha axuda de máis de 16.000 euros para mellorar o exterior do edificio de protección civil

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de axudas dirixidas a entidades locais para emendar e corrixir os impactos paisaxísticos que causan na contorna edificios e equipamentos públicos municipais

No conxunto de Galicia concedéronse subvencións a un total de 42 concellos polo importe máximo da convocatoria deste ano, 800.000 euros

Gabriel Alén felicita aos 15 municipios que resultaron beneficiarios no conxunto da provincia de Ourense por levar a cabo este tipo de intervencións, que contribúen á mellora do aspecto dos inmobles da súa titularidade
 

Ourense, 11 de maio de 2022.-

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata o concello de Lobeira para anunciarlle ao seu alcalde, Antonio Iglesias, que este municipio é un dos beneficiarios da última convocatoria da orde de axudas dirixida ás entidades locais para emendar e corrixir impactos paisaxísticos na contorna. En concreto, o concello ourensán recibirá unha achega de 16.193 euros para a mellora do edificio de Protección Civil, no que se prevén arranxos na fachada e na cuberta.

 

O delegado territorial explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a convocatoria de 2022 da orde de axudas para corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, unha medida impulsada pola Xunta no marco da súa aposta polo fermosismo.

 

Compre lembrar que esta orde de axudas -convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito se ampliou ata os 800.000 euros a semana pasada- recolle dúas liñas de actuacións subvencionables: a Liña 1 para intervencións coas que emendar o impacto negativo que poden causar sobre a contorna tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais; e a Liña 2 pensada para mellorar outros equipamentos públicos ou elementos etnográficos -como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros- propiedade dos concellos.

 

Con esta nova orde de subvencións, tal e como subliñou Gabriel Alén, A Xunta busca o esforzo e a implicación de todos para incrementar o valor patrimonial dos inmobles e da paisaxe de Galicia. Nese sentido, felicitou aos 15 concellos da provincia de Ourense que resultaron beneficiarios no marco desta última convocatoria por promover e levar a cabo un tipo de intervencións que contribúen a mellorar o aspecto de edificios e instalacións da súa titularidade.

 
 

As actuacións subvencionables, que poderán acadar o 70% do custo estimado, deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

 

No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu unha axuda -ou ata dúas nalgún caso- a 42 concellos galegos, por un importe global de 800.000 euros, o 100% do crédito consignado a esta orde de incentivos. De feito, a semana pasada a Consellería publicaba a Resolución pola que se ampliaba en 200.000 euros o orzamento da convocatoria inicial (600.000 euros ), que foi publicada en xaneiro.

 

Convocatoria de 2021, a primeira

Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para concellos, saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos.

 

En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.

 

Concellos beneficiarios da provincia de Ourense

CONCELLO
TOTAL AXUDA
Castrelo do Val
14.424,79€
A Mezquita
11.557,80€
A Veiga
37.781,82€
Arnoia
7.475,37€
Bande
5.182,41€
Boborás
10.492,55€
Cartelle
39.994,95€
Lobeira
16.193,60€
Lobios
20.000,00€
Muíños
18.946,72€
Parada de Sil
6.013,47€
San Xoan de Río
30.144,33€
Verea
14.000,00€

Vilariño de Conso

40.000,00€

Pereiro de Aguiar

25.763,85€
 
 

Imaxes relacionadas