A Axega recibe o recoñecemento ao progreso e desenvolvemento do seguro nos “premios Galicia Segura 2022” da Fundación Inade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na mesa “Diálogos: Valores profesionais e humanos” previa á cerimonia de entrega de premios

Santiago Villanueva destacou o papel dos servizos de emerxencias nas intervencións en sinistros e a necesidade de que os efectivos estean ben formados e equipados para reducir riscos
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá en representación da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na mesa Diálogos: Valores profesionais e humanos, que a Fundación Inade organizou como acto previo con todos os gañadores dos Premios Galicia Segura 2022, que se entregarán esta tarde.

A xornada desta mañá, ademais de permitir coñecer mellor aos premiados, serviu tamén para conmemorar por adiantado o Día Mundial do Seguro, que se celebra este sábado.

O evento contou con conversas por parellas entre os galardoados destacando os seus valores profesionais e humanos. Santiago Villanueva interveu en nome da Axega, que recibe o premio ao Progreso e Desenvolvemento do Seguro e debateu co presidente da Asociación Española de Avogados Especializados en Responsabilidade Civil e Seguro, Javier López y García de la Serrana, premiado na categoría de Investigación.

Tamén serán premiados na cerimonia desta tarde o Instituto de Desenvolvemento Asegurador (Iddeas) na categoría de Distribución de Seguros; QBE co premio ao asegurador; o conselleiro delegado de Allianz Seguros, José Luis Ferré Arlández, pola súa labor de dirección; e o Grupo Nueva Pescanova co galardón á empresa galega. O director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, será o encargado de entregar o galardón a AXEGA, que recollerá o director xeral de Emerxencias e Interior.

No caso da AXEGA, o xurado destacou que co seu traballo diario en materia de información, formación e subministro de medios materiais contribúe a evitar ou minimizar danos cando se produce unha emerxencia. Nesta liña, resalta a súa colaboración en simulacros que permiten avaliar as medidas de prevención necesarias para diminuír riscos, así como as alertas de meteoroloxía adversa para evitar danos maiores. Tamén teñen intervido en importantes incendios industriais rexistrados nos últimos meses.

Santiago Villanueva destacou o papel que xogan os servizos de emerxencias da comunidade nas intervencións en sinistros que son atendidos polas aseguradoras. Por iso, destacou a importancia de contar con efectivos ben equipados e formados para reducir riscos e danos ante calquera incidencia. Con este obxectivo, a Xunta vén realizando un importante investimento nos últimos anos con máis de 21 millóns de euros para dotar do material necesario ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), ademais de colaborar no seu funcionamento e da súa formación desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Tamén puxo en valor o labor do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde o que se planifican e coordinan os plans e programas de prevención e de emerxencias e se mobilizan e coordinan os efectivos e recursos precisos ante unha incidencia.

Imaxes relacionadas