A pasarela de Marineda construída pola Xunta na Coruña, premiada pola Asociación Española de Enxeñaría Estrutural

Esta infraestrutura elevada que une as marxes da estrada AC-552 foi galardoada como mellor pasarela nos VI Premios de Enxeñería

A pasarela de Marineda foi premiada xunto con outras actuacións como o Queensferry Crossing de Edimburgo, o estadio Wanda Metropolitano de Madrid, a rehabilitación da ponte sobre o río Ebro en Gelsa de Zaragoza, e a ampliación da ponte de Rande


O xurado subliña a importancia técnica, a integración na contorna, a estética, a calidade do proxecto e a súa relevancia social


A actuación, cun investimento de case 2 M€, inclúe a pasarela e unha senda desde a rúa Severo Ochoa ata a parada de autobús de Marineda, co fin de reforzar a seguridade viaria dos traballadores do polígono e dos usuarios da zona comercial

Os criterios valorados nesta actuación serán estratéxicos no deseño da pasarela sobre a ría do Burgo que o Goberno galego prevé construír para o fomento da mobilidade sostible na Coruña
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022.-

A pasarela elevada de Marineda, executada pola Xunta no polígono de Agrela da Coruña, vén de ser premiada pola Asociación Española de Enxeñería Estrutural.

 

Esta infraestrutura elevada, que comunica ambas as marxes da estrada AC-552, foi galardoada como mellor pasarela nos VI Premios de Enxeñería da Asociación Española de Enxeñería Estrutural (ACHE).

 

Este recoñecemento foi outorgado por un xurado conformado por representantes da citada asociación, da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Santander ou do Consello superior de Arquitectos.

 

A pasarela de Marineda foi premiada xunto con outras actuacións como o Queensferry Crossing, en Edimburgo, na categoría de pontes; o estadio Wanda Metropolitano, en Madrid, na variante de edificacións; a rehabilitación da ponte sobre o río Ebro en Gelsa, en Zaragoza, na categoría de rehabilitación estrutural; ou a ampliación da ponte de Rande na AP-9, no eido da innovación.

 

A decisión do recoñecemento á pasarela coruñesa baseouse en criterios como a importancia técnica da obra, as innovacións na súa tipoloxía, a integración na contorna, a súa estética, a calidade do proxecto e da construción e a relevancia a nivel social.

 

Actuación singular

A Consellería de Infraestruturas puxo en servizo esta pasarela en decembro de 2019, unha actuación que contou cun investimento de preto de 2 millóns de euros, cofinanciado con fondos Feder do programa operativo 2014-2020.

 

Trátase dunha pasarela elevada duns 200 metros de lonxitude, ao carón do centro comercial, que une ambas as marxes da estrada autonómica.

 

A infraestrutura configúrase como ‘unha auténtica escultura’ que se xa se converteu en distintivo da cidade, ao ser singular e con deseño e selo galego.

 

A pasarela forma parte dunha actuación integral que tamén contemplou a construción dunha senda, de 700 metros, desde a rúa Severo Ochoa ata a parada de bus do Marineda, onde se colocou unha nova marquesiña.

 

O obxectivo desta intervención é reforzar a seguridade viaria dos traballadores do polígono e dos usuarios que se achegan á área comercial, xa que se favorece o tránsito peonil e en bicicleta e se potencia o transporte público.

 

Pasarela sobre a ría do Burgo

Os recoñecementos premiados na actuación de Marineda serán tamén estratéxicos no deseño da nova pasarela que cruzará a ría do Burgo desde A Coruña ata Santa Cristina, en Oleiros.

 

Esta nova intervención, que se completará con conexións peonís, suporá un investimento total de 8 millóns de euros. Prevese, en primeiro lugar, unha conexión entre A Coruña e Oleiros coa prolongación do paseo marítimo entre a praia de Oza e As Xubias, e unha pasarela peonil e ciclista entre As Xubias e Santa Cristina, cruzando a ría. Tamén se prevé a súa conexión cos accesos peonís previstos para o Novo CHUAC.

 

De igual xeito que a pasarela de Marineda, a proposta para a ría do Burgo ten como obxectivos reforzar a mobilidade sostible e a seguridade nos desprazamentos dos veciños da contorna.

 

Neste sentido, a futura pasarela peonil e ciclista conectará as dúas marxes da ría do Burgo, permitindo que os veciños poidan percorrer a pé ou en bicicleta a distancia de 800 metros entre Santa Cristina e As Xubias sen ter que empregar, como ata agora, a ponte Pasaxe, que supón percorrer ata máis de 3 quilómetros.

 
 

Imaxes relacionadas