A Xunta homenaxea a Camilo José Cela no 106 aniversario do seu nacemento

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa nunha ofrenda floral en Padrón e na lectura pública da obra ‘A Rosa’, unha iniciativa promovida polo alumnado de distintos centros de ensino na honra do escritor padronés

Os actos conmemorativos enmárcanse na programación da semana das Letras Galegas e do Día Internacional dos Museos no Museo Camilo José Cela
 

Padrón (A Coruña), 11 de maio de 2022

A Xunta homenaxeou o escritor Camilo José Cela hoxe, data do 106 aniversario do seu nacemento, cunha ofrenda floral no cemiterio de Santa María de Adina, en Padrón. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou no acto conmemorativo e, posteriormente, asistiu á lectura pública da obra A Rosa, unha iniciativa promovida polo alumnado de distintos centros de ensino na honra do escritor padronés.

 

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade apuntou o carácter especial da homenaxe deste ano, no que a Xunta conmemora o 20 aniversario da morte do Nobel galego con diversas iniciativas para poñer en valor a súa figura e legado. Entre elas referiuse á musealización da locomotora coñecida como Sarita, tras o proceso de restauración que se está desenvolver na peza principal do Museo do Ferrocarril. Ademais, ao longo de 2022 desenvolveranse diversos proxectos expositivos, xornadas académicas e outras accións a prol do achegamento da cidadanía á vida e obra do escritor. 

 

Cómpre sinalar que a ofrenda floral realizada hoxe forma parte da programación deseñada pola Fundación Camilo José Cela no marco de Letreseo, celebración arredor das Letras Galegas que comezou o pasado luns e se prolonga ata o 20 de maio. Así, nestes días estanse a realizar neste espazo actividades especiais para centros escolares e xornadas de portas abertas para todos os públicos.

 

Esta mesma tarde terá lugar unha visita teatralizada a cargo de Suso Martínez como Matías Martí. Nela o actor lembrará o seu compañeiro Pedro Brandaríz, falecido en febreiro, e co que tiña previsto ofrecer un espectáculo arredor de Camilo José Cela. Xa a vindeira semana, o mércores 18, Día Internacional dos Museos, ofrecerase o espectáculo divulgativo de narración oral Tertulias clandestinas con Camila Trulock Bertorini.