Conde destaca que Galicia conta co mellor marco normativo para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial e garantir a competitividade das áreas industriais

Salienta que a Lei de simplificación administrativa e a futura Lei de áreas empresariais son o paraugas normativo baixo o que a Xunta vai despregar os seus apoios ao emprendemento e á captación de investimentos nos parques empresariais de Galicia

Apunta que 151 municipios galegos contan neste momento co distintivo de Concellos Emprendedores e anima ao Concello do Porriño a sumarse a esta iniciativa

Reitera que non sería xusto por parte do Goberno negarlle a Stellantis Vigo a posibilidade de acceder ás axudas europeas
 

O Porriño (Pontevedra), 11 de maio de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe que, coa Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia e a futura Lei de áreas empresariais, Galicia dótase do mellor marco lexislativo para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial e garantir a competitividade das áreas industriais.

 

Nun encontro con empresas asentadas no polígono da Granxa, Conde destacou que ambas as dúas leis son o paraugas normativo baixo o que a Xunta vai despregar os seus apoios ao emprendemento e á captación de investimentos nos parques empresariais de Galicia.

 

Por un lado, a Lei de áreas empresariais, unha vez que sexa aprobada no Parlamento, fará de Galicia a primeira comunidade autónoma cunha lei específica neste eido, necesaria para achegar seguridade xurídica ao empresariado galego. Por outro, a Lei de simplificación administrativa, desde o seu primeiro ano de aplicación, xa permitiu rebaixar en 17 días o prazo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais a través da Oficina Galicia Empresa.

 

Conde lembrou que esta lei amplía o seu alcance grazas aos 151 municipios galegos que neste momento contan co distintivo de Concellos Emprendedores; 23 na provincia de Pontevedra. Por iso, polo peso de áreas empresariais como o polígono de Granxa, animou ao Concello do Porriño a sumarse a esta iniciativa.

 

Na mesma liña, o vicepresidente económico puxo de relevo como estes dous instrumentos normativos poden contribuír aos obxectivos dun sector que é clave para todo o cinto industrial da área de Vigo como é a automoción. Ao respecto, destacou que detrás do proxecto co que Stellantis opta aos fondos Next Generation está todo o traballo desta industria en Galicia e supón un gran incentivo para moitas das empresas asentadas no polígono da Granxa. En consecuencia, asegurou que non sería xusto por parte do Goberno negarlle esa confianza e a posibilidade de acceder ás axudas europeas.

Imaxes relacionadas