O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou coa alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, un dos autobuses habilitados

O programa de Coidados Porta a Porta da Xunta chega a Mos para ofrecer servizos de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria aos maiores

No seu primeiro mes de actividade beneficiáronse desta medida máis de 2500 persoas de máis de 40 concellos das catro provincias

A Consellería de Política Social destinará a esta iniciativa pioneira 10 millóns de euros entre este ano e o que vén
 

Mos (Pontevedra), 11 de maio de 2022.-

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o autobús do programa de Coidados Porta a Porta que chegou ao municipio pontevedrés para achegar ás persoas maiores de 55 anos que o soliciten servizos podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

 

O autocar, que se empraza no Multiusos das Pozas, instalouse no día de onte e continuará atendendo a todas as persoas que o soliciten ao longo do día de hoxe e de mañá. Pódese pedir cita previa a través dos dous teléfonos habilitados a tal efecto (o 622748283 ou o 623546992); ou do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

 

Durante a visita, Fernando González Abeijón salientou que só no primeiro mes de funcionamento desta iniciativa, que percorrerá todos os concellos de Galicia agás as sete cidades, beneficiáronse máis de 2500 galegas e galegos de 55 anos en máis de corenta concellos diferentes.

 

Dez millóns de euros

Así mesmo, o director xeral salientou que a Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todas as galegas e galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito gratuíto.

Imaxes relacionadas