O conselleiro do Medio Rural en funcións visitou hoxe o viveiro da Falmega, en Oroso

A Xunta investiu máis de 141.000 euros nas primeiras accións do plan de actualización dos viveiros forestais para a conservación dos recursos do monte

José González enmarcou estes traballos no Plan Forestal de Galicia e na aposta do Goberno galego a prol dun monte sustentable e multifuncional, no que teñen cabida todas as especies

Nestas instalacións da Falmega os labores permitiron a plantación de hortos de sementes de especies de coníferas de alto valor xenético, como son o pino insigne e o pino do país, de gran valor para a cadea monte-industria e revalorizadas no mercado
 

Oroso (A Coruña), 11 de maio de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitou hoxe o viveiro da Falmega, situado no concello coruñés de Oroso. Nestas instalacións, así como nas que posúe tamén a Xunta no municipio de Oleiros, Medio Rural vén de investir máis de 141.000 euros dentro do Plan de actualización dos viveiros forestais da comunidade autónoma.

 

O conselleiro puxo en valor estes labores, que enmarcou no esforzo da Xunta a prol da conservación dos recursos forestais galegos. Así, indicou González, trátase de impulsar medidas de fomento e directrices do Plan Forestal de Galicia relativas á conservación e mellora da biodiversidade, a favor da sustentabilidade de todo o sector.

 

Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou a importancia da rede de parcelas de alto valor xenético, así como da xestión de materiais de semente de calidade e orixe coñecido das distintas especies, todo isto enfocado á necesidade de conservación de recursos xenéticos forestais.

 

Coníferas de alto valor xenético

Neste sentido, tal como explicou o conselleiro, nestas instalacións da Falmega os traballos permitiron a plantación de hortos de sementes de especies de coníferas de alto valor xenético, como son o pino insigne e o pino do país, a reordenación dos campos de plantas nai de castiñeiro híbrido, a mellora das instalacións de rego e a construción dun invernadoiro que facilitará os labores de conservación dos recursos xenéticos forestais. Sobre o piñeiro en particular, José González destacou que que esta especie é clave para a cadea monte-industria e por iso -sinalou- a Xunta está a fomentalo, tamén con este labor vinculado á mellora xenética. Ademais, engadiu, “o pino atópase nun momento especialmente atractivo canto o seu valor económico, con moi bos prezos no mercado, e por iso é clave para o futuro do noso monte”.

 

No que atinxe ao viveiro de Santa Cruz, en Oleiros, o conselleiro explicou que esas instalacións dedícanse á conservación e divulgación dos recursos xenéticos das frondosas caducifolias que habitan en Galicia. Alí as primeiras actuacións consistiron na instalación de hortos de sementes de dúas especies de especial interese para a silvicultura, como son o pradairo e o freixo.

 

Ademais, tamén se instalaron unhas coleccións de distinto material forestal de alto interese para a conservación dunha selección de castiñeiros de froito das variedades galegas, outras dos cinco clons de cerdeiras para produción de madeira desenvolvidos polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e outras máis de carballos obtidos por reprodución in vitro no marco dos traballos do convenio subscrito pola Consellería coa Fundación Paideia.

 

Monte sustentable e multifuncional

O conselleiro enmarcou estas actuacións na aposta da Xunta por un monte sustentable e multifuncional, no que teñen cabida todas as especies. Asemade, González salientou que estes viveiros contribuirán de maneira activa á formación forestal, así como á concienciación sobre a importancia ambiental do monte, outros dos eixos do Plan Forestal.

 

A maiores, o conselleiro puxo en valor os investimentos realizados polo seu departamento en materia forestal, e en particular os 33 millóns de euros inxectados no monte galego a través das últimas convocatorias de diversas liñas de axudas para o fomento da riqueza forestal. Así, entre elas destacou as destinadas a accións silvícolas de prevención de danos por incendios e para incrementar a capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas, as enfocadas á creación de superficies forestais con frondosas e coníferas, as habilitadas para apoiar a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais ou as dedicadas a fomentar a boa gobernanza dos montes veciñais en man común.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural