A Xunta incrementa nun 15% as axudas para contratar socorristas nas praias e piscinas de Ferrolterra durante este verán

A delegada territorial do Goberno autonómico, Martina Aneiros, avanzou que o investimento na zona é próximo aos 175.000 euros neste exercicio

O número de socorristas contratados con estas achegas que velarán pola seguridade dos bañistas aumenta tamén en relación ao pasado exercicio, pasando dos 46 aos 53 traballadores
 

Ferrol, 11 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, incrementou este ano nun 15% as axudas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social que os concellos soen destinar á contratación de servicios de vixilancia de praias, espazos fluviais ou piscinas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o avanzou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que indicou que o departamento autonómico xa comunicou á maioría dos concellos as axudas concedidas para que poidan tramitar a contratación destes profesionais.

 

O investimento da Xunta nesta convocatoria é próximo aos 175.000 euros, contía que se destinará a apoiar a contratación de 53 traballadores -sete máis que o ano pasado- nun total de dez municipios dos 20 que conforman as tres comarcas. As localidades que reciben as axudas para a contratación de socorristas este ano son os de Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Ferrol, Mañón, Monfero, Mugardos, Ortigueira e Pontedeume.

 

Martina Aneiros lembrou que a Administración autonómica vén mantendo un compromiso constante durante os últimos anos cos servizos de socorrismo, de competencia municipal. “Trátase dun apoio moi importante sen o que os concellos terían moitas dificultades para poder financiar estes servizos de vixilancia que son fundamentais para garantir a seguridade de veciños e visitantes nos espazos acuáticos durante esta temporada estival”, puntualizou a delegada territorial.

 

O Goberno autonómico inviste 1,5 millóns de euros para apoiar en preto de 200 concellos galegos a contratación de máis de 450 desempregados e desempregadas con cargo a esta convocatoria. Os contratos serán de tres meses -no caso de que sexan a tempo completo- ou de seis meses para os de tempo parcial con contías que irán dos 1.555 aos 2.700 euros segundo o grupo de cotización das persoas contratadas.

 
 

Con esta medida a Xunta persegue mellorar a empregabilidade das persoas participantes e colaborar coas entidades locais  co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.

 
 
 
 
 

DISTRIBUCIÓN POR CONCELLOS DAS COMARCAS DE FERROL, EUME E ORTEGAL DAS AXUDAS Á CONTRATACIÓN DE SERVIZOS DE SOCORRISMO EN ESPAZOS ACUÁTICOS

 
 
CONCELLOS
TRABALLADORES

IMPORTE CONCEDIDO

Ares
6
18.660
Cabanas
6
18.660
Cariño
6
18.660
Cedeira
3
9.330
Ferrol
8
24.880
Mañón
7
21.770
Monfero
1
3.400
Mugardos
2
6.220
Ortigueira
8
32.000
Pontedeume
6
18.660
TOTAIS
53
172.240 €