A Xunta invita os mozos galegos a facer o Camiño e reafirmar o compromiso cos valores que representa, que son os valores de Europa

O vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, recibiu no Obradoiro a profesores e alumnos do colexio Cristo Rey de Ferrol, que fixeron por etapas o Camiño Inglés como colofón da súa participación no proxecto “O Teu Xacobeo”

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, invitou os mozos galegos a facer o Camiño e reafirmar o compromiso cos valores que representa, que son os valores de Europa. Alfonso Rueda trasladou esta mensaxe a un grupo de profesores e alumnos do colexio Cristo Rey que recibiu na praza do Obradoiro logo de ter feito o Camiño Inglés por etapas, unha peregrinación que coincidiu cos actos de celebración do Día de Europa.

O responsable autonómico de Turismo recordou aos rapaces que os valores do Camiño son os mesmos que rexen a construción europea, polo que animou os mozos a seguir defendendo a democracia, os dereitos humanos e a fraternidade, principios sobre os que se asenta a Unión Europea. “Aquí, na Catedral de Santiago, estades ante o motor espiritual de Europa, e vós, as novas xeracións, sodes as que debedes recoller e transmitir ese legado”, indicou.

O vicepresidente primeiro en funcións recordou á comitiva, que chegou á praza do Obradoiro para culminar o seu percorrido desde Ferrol, que o Camiño Inglés é un dos itinerarios que máis está a medrar e que no que vai de ano xa sumou preto de 3.000 compostelas, unha cifra en consonancia co éxito que está a ter o Camiño en xeral, que acumula no 2022 máis de 55.000 acreditacións, un récord que coincide coa celebración dun Xacobeo histórico. “Nunha houbo tantos peregrinos facendo o Camiño”, dixo Rueda.

Alumnos e profesores do colexio Cristo Rey de Ferrol realizaron o Camiño Inglés como colofón dun curso no que traballaron arredor do fenómeno xacobeo como participantes do programa “O Teu Xacobeo”, unha iniciativa pensada para espallar o Xacobeo por todos os recunchos de Galicia e para facer partícipe do Ano Santo á toda a poboación galega. De feito, Alfonso Rueda visitara no mes de febreiro o centro ferrolá para coñecer o proxecto e ese día díxolles aos alumnos que os recibiría na praza do Obradoiro cando fixeran o Camiño, promesa que onte cumpriu.

A través do programa desenvolvéronse 572 proxectos procedentes de 200 concellos galegos. Entre eles, cinco presentados pola Federación de ANPAS de Ferrol e Comarca “Concepción Arenal”. Os organizadores involucraron a 9.500 alumnos de 39 centros escolares para a construción dun gran xogo da oca baseado no Camiño.

Imaxes relacionadas