A Xunta pon en valor o Camiño de Santiago como base da recuperación do turismo

Nava Castro participou no Foro Económico Español “La Galicia que viene”, organizado polo periódico “El Español”, e nas xornadas “Ano Santo Xacobeo: impacto social e económico”, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña e o Banco Sabadell

A Coruña, 10 maio de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia do Camiño de Santiago e a celebración do Xacobeo 2021-2022 como un dos elementos máis transcendentes para a recuperación económica e da actividade turística en Galicia. Fíxoo nas intervencións que tivo esta mañá no Foro Económico Español “La Galicia que viene”, organizado polo periódico “El Español”, e nas xornadas “Ano Santo Xacobeo: impacto social e económico, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña e o Banco Santander.

 

Nos foros celebrados hoxe na Coruña, Nava Castro puxo de manifesto que a Comunidade galega é un territorio cun gran potencial turístico que, debido á diversidade da súa oferta, conta con grandes posibilidades para afrontar a recuperación da demanda turística nas mellores condicións

 

Nava Castro incidiu en que o éxito do modelo turístico galego ven da man da seguridade e de calidade que achega, “xustamente o que os visitantes están a demandar tras a mellora na situación sanitaria que estamos a vivir”.

Por outra parte, a titular de Turismo de Galicia, recalcou a transcendencia do Camiño de Santiago e da celebración do dobre ano Xacobeo na recuperación turística e económica que está a acadar a nosa comunidade, “cunha ocupación hostaleira media dun 80% durante a Semana Santa e máis de 56.000 Compostelas entregadas no que vai de ano, máis que durante todo o 2020”.

Estas cifras, indicou, “culminan o recoñecemento e valoración tanto nacional como internacional que acadan as diferentes rutas de chegada a Santiago”.

Nava Castro manifestou que o a actividade turística galega tense convertido nun sector estratéxico para a economía galega, polo que xa representa o 10,4% do total do noso PIB e o 11% do emprego que se xera na Comunidade autónoma.

Por último, a directora de Turismo de Galicia referiuse aos plans director do Camiño de Santiago e o Plan Estratéxico Xacobeo 2019-2021, como dúas ferramentas indispensables para planificar a recuperación do turismo galego.

Imaxes relacionadas