Trenor anima a solicitar, ata o 12 de xullo, as axudas por máis de 864.000€ dirixidas a entidades do ámbito dos trastornos mentais

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade –TP Galicia

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá as instalacións que a Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade –TP Galicia ten no concello Santiago de Compostela, onde puido coñecer a actividade que se leva a cabo no seu centro de apoio ás persoas que sofren dun trastorno de personalidade e ás súas familias.

 

Durante a súa visita Trenor lembrou que, ata o 12 de xullo, está aberta a convocatoria para este ano 2022 de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, dos que a asociación TP Galicia foi beneficiaria na última convocatoria. O delegado da Xunta animou a todas as asociacións deste ámbito a aproveitar estes últimos días para solicitar estes apoios.

 

Para esta convocatoria, destinada ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, a Xunta de Galicia investirá un total de 864.000 euros. Por segundo ano consecutivo, tras a aprobación do Plan de Saúde Mental de Galicia, o Executivo galego convoca axudas de máis de 800.000 euros para financiar ás entidades sociais deste sector. Nesta ocasión, a Xunta de Galicia adiantou en tres meses a convocatoria respecto a do ano pasado, para facilitar a execución dos fondos por parte das entidades.

 

Ademais, anticipará as entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento da notificación da concesión, sendo a xustificación posterior a realización das actividades.
O investimento nesta convocatoria de axudas forma parte do orzamento de 83 millóns de euros do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, cuxo obxectivo principal é realizar accións que melloren a asistencia dos trastornos mentais, así como diminuír o impacto destas doenzas, tanto nas persoas que as sofren, como nos seus achegados.

 

As axudas que se poden solicitar poden destinarse a diferentes liñas de actuación: proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais (incluídos os trastornos aditivos); programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo; programas de prevención de recaídas en alcoholismo e adiccións comportamentais; programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais (incluídos os trastornos aditivos) e a programas de prevención de suicidio en poboación xeral, trastornos mentais e aditivos.

 
TP Galicia

A Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (en adiante TP) é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fins prover axudas ás persoas que sofren dun trastorno de personalidade e ás súas familias, proporcionar información á sociedade sobre estas patoloxías e fomentar a investigación dos trastornos mentais co obxecto de mellorar a calidade dos diagnósticos e a especialización dos profesionais.

 

Dende o ano 2006 ata o 2020 veu recibindo financiamento a travésde convenios nominativos asinados anualmente co Servizo Galego de Saúde para un programa de abordaxe do trastornos da personalidade, mediante o cal: axudar a persoas que sufran trastornos de personalidade para conseguir a súa rehabilitación social e laboral, co fin de dar normalidade ás súas vidas; axudar a familiares de persoas que sufran trastorno de personalidade proporcionándolles información, asesoramento e apoio psicolóxico continuado; conseguir a sensibilización social sobre as características dos trastornos de personalidade que axude á rehabilitación destes doentes e mellorar os coñecementos sobre os aspectos clínico asistenciais e necesidades das persoas con trastorno de personalidade no ámbito da saúde e educativo

 

Tras a aprobación do Plan de Saúde Mental poscovid-19. Período 2020-2024, as axudas aos programas de trastorno mental pasaron a se conceder a través da modalidade de concorrencia competitiva mediante unha orde de subvencións destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, avanzando en prol da transparencia e dun reparto máis eficiente dos fondos públicos.

 

No ano 2021, TP presentou o seu programa a esta orde de subvencións obtendo financiamento por valor de 41.690,48 euros, un 7,21% máis que no ano anterior a través de convenio nominativo. Deste xeito, o programa vén recibindo financiamento ininterrompidamente dende o ano 2006.

Imaxes relacionadas